A Xunta colabora con tres ONGD galegas para garantir a seguridade das mulleres defensoras de dereitos humanos en Centroamérica

- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asinou hoxe un convenio de colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), a Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento (SÓLIDA) e Solidariedade Galega (SG).
- A iniciativa enmárcase nos obxectivos do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.
- Os representantes das entidades tamén mantiveron unha reunión coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asinou hoxe un convenio de colaboración con tres ONGD galegas para executar o proxecto “Fortalecemento do enfoque de protección integral feminista para defensoras de dereitos humanos en Mesoamérica” no que a Vicepresidencia da Xunta inviste 60.000 euros.
Participaron na sinatura do convenio a presidenta de Solidaridade Internacional de Galicia (SIG), Carolina Campos; o presidente da Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento SÓLIDA, José Manuel Pérez; e o presidente de Solidariedade Galega, Enrique Rodríguez. Á firma do acordo tamén acudiron Teresa Boedo e Yessica Yamileth Trinidad Elvin, representantes da Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos (IM-Defensoras), entidade que participa como socia local do proxecto. Os representantes das entidades mantiveron tamén unha xuntanza coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
A iniciativa basease na promoción da defensa dos dereitos humanos en Mesoamérica para que as mulleres defensoras poidan realizar o seu traballo con seguridade, e prestará especial atención á situación de vulnerabilidade das mulleres defensoras en Nicaragua, país onde a actual crise socio-política provocou un aumento das vulneracións aos dereitos humanos. A posta en marcha deste proxecto xustifícase ademais pola discriminación de xénero arraigada en Mesoamérica, onde as mulleres se enfrontan a elevados índices de violencia social e feminicida, que tamén se dá no caso das defensoras de dereitos por desempeñar o seu traballo.
O Goberno galego, con este convenio de colaboración coas ONGD galegas, pretende fortalecer a organización e coordinación rexional de cinco redes nacionais de defensoras que conforman IM-Defensoras, de forma que se poidan habilitar espazos de protección, sanación, reflexión e formación.
Unha das actuacións prevé a posta en marcha dunha estancia de sanación para defensoras que se encargan do rexistro de agresións en Mesoamérica na Casa La Serena de Oaxaca (México), un espazo de coidado que promove IM-Defensoras e que recibe a visita de mulleres defensoras de dereitos humanos de Nicaragua, Honduras, Guatemala, O Salvador e México.
O proxecto inclúe tamén a creación de espazos de reflexión en Galicia con defensoras de dereitos humanos en liña cos criterios das redes nacionais e de IM-Defensoras para visibilizar a situación de violencia á que se enfrontan e fortalecer as accións de solidariedade.
Outra das liñas do plan aposta por reforzar a presenza en espazos internacionais para que organismos como a ONU, o Parlamento Europeo ou a Unión Europea exerzan presión sobre Nicaragua co fin de acadar unha solución pacífica e democrática á crise que atravesa o país. Ademais, levarase a cabo unha campaña de solidariedade para presas políticas.
Este proxecto enmárcase dentro dos ámbitos do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 no que se refire á promoción do exercicio dos dereitos sociais básicos polas persoas e colectivos máis vulnerables, entre os que se atopan as defensoras de dereitos humanos na rexión, así como o impulso da equidade de xénero e o empoderamento e o exercicio de dereitos das mulleres e da infancia. Ademais, o Plan inclúe como países prioritarios para a cooperación galega varios da rexión centroamericana como Nicaragua, Honduras, Guatemala e O Salvador.
As tres ONGD galegas que asinaron este convenio puxeron en marcha nos últimos anos varios proxectos de cooperación internacional en Nicaragua financiados pola Xunta destinados a construír novas identidades de xénero e fortalecer a autonomía desde o enfoque de medios de vida sostibles para a mocidade e mulleres superviventes de diferentes tipos de violencia.