Novas de Cooperación Galega
04/05/2021
Xeral

A Xunta mantén un encontro en liña con representantes de entidades do sur

  • O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participaron onte nun encontro en liña con representantes de organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento de países do sur

 

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participaron onte nun encontro con organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento para coñecer de primeira man as novas necesidades dos países do sur cos que colabora a Xunta como consecuencia da crise sanitaria da Covid-19.

As organizacións que participaron na reunión son contrapartes locais de varias ONGD galegas coas que a Xunta vén colaborando dende hai anos no financiamento de proxectos de cooperación para o desenvolvemento e traballan cos colectivos máis vulnerables. Estas entidades deron a coñecer o labor que están a facer e como está a afectar a pandemia aos proxectos nos que colabora a Xunta, así como as súas demandas.

Por parte da Coordinadora Galega de ONGD asistiron o seu presidente e representante de Asemblea de Cooperación pola Paz, Alejandro Quiñoá, e a súa vicepresidenta e representante de Médicos do Mundo, Gema Filgueira, así como Rafael Veiga, de Taller de Solidaridad e Lara Medín, de Arquitectura sen Fronteiras. Por parte dos países do sur interviron Juventina Lópes, representante da Asociación Indígena Agropecuaria Pro-Desarrollo Integral (ASIAPRODI), de Guatemala; Eberth Molina, director da Asociación Jesús Obrero (CCAIJO), de Perú; Antonio Florián, presidente executivo do Instituto de Acción Comunitaria (IDAC), da República Dominicana; e Arsenia Macuacua, coordinadora de proxectos da Asociaçao Comunitária para o Desenvolvimento da Mulher (ACODEMU) e Sonia Macitela, representante do Serviço Distrital de Saúde, Mulher e Ação Social, de Mozambique.

No encontro participaron tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero.

A propagación da Covid-19 por todo o mundo obrigou a adaptar a cooperación internacional á nova realidade na que se atopaban os países cos que coopera a Xunta a través das ONGD. O Goberno galego, por unha banda, incorporou, na recentemente aprobada Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, medidas que renovan o marco de financiamento e control de axudas e subvencións no ámbito da cooperación no exterior, para aportar a necesaria flexibilidade na súa xestión, pero con garantías de calidade, eficacia e eficiencia. Por outra banda, elaborou unha estratexia de resposta á Covid-19 que permitiu a adaptación dos instrumentos de financiamento ao novo contexto. Esta estratexia, que foi aprobada por unanimidade no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, toma como referencia o marco de resposta das Nacións Unidas perante a Covid-19, así como as decisións adoptadas pola Unión Europea e a acción conxunta da cooperación española ante a pandemia, e establece prioridades xeográficas entre os países socios da colaboración galega, así como colectivos prioritarios de atención, especialmente a infancia e as mulleres.

Polo que respecta ao financiamento, a estratexia galega leva asociado un marco orzamentario de 7,4 millóns de euros correspondentes ao programa específico de cooperación exterior e ao desenvolvemento dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.