Outras novas
03/06/2019
Outras novas

Raquel Álvarez, bolseira da Xunta de Galicia na OTC de República Dominicana, asiste á celebración do acto de peche de curso da Escola de Arte e Tempo Libre do Barrio de Santa Lucía

O pasado xoves, 23 de maio tivo lugar o acto de peche de curso da Escola de Arte e Tempo Libre Mauro Lorenzo do Barrio de Santa Lucía, en Santiago de los Caballeros, onde os nenos e nenas que participan nos obradoiros mostraron o seu talento como artistas mediante unha mostra de pintura, que estará exposta ata o próximo 3 de xuño na Casa de Arte de Santiago, e diversas actuacións nas disciplinas de música, teatro e danza.

A Escola de Arte e Tempo Libre comezou a funcionar durante o primeiro proxecto executado no Barrio de Santa Lucía en 2017 e 2018 pola Fundación Balms para la Infancia, Fundación Solidaridad e CIDEL, cofinanciado pola Xunta de Galicia “Barrio Santa Lucía: Por una educación inclusiva de calidade”. A idea de crear no barrio unha Escola de Arte estaba baseada nunha análise previa da Xunta de Galicia vencellada ao programa de melloramento do barrio Santa Lucía.

Actualmente impártense na Escola cursos en áreas que se detectaron de principal interese na poboación: teatro, danza, reciclaxe, pintura, etc. De xeito transversal en todas as actividades trabállase tamén o respecto ao medio ambiente, á diversidade cultural e á igualdade de xénero. A Escola de Arte e Tempo Libre funciona no Centro Comunal Mauro Lorenzo ofrecendo obradoiros de danza, teatro, música, debuxo, pintura, artesanía e reciclaxe, nos que participan 104 nenos e nenas dos centros educativos Cometas de Esperanza e Teresa Peña Silverio.

Esta actividade desenvolveuse no marco do proxecto “Participación social no sistema educativo do Barrio Santa Lucía a través da xeración de capacidades nos titulares de dereitos, responsabilidades e deberes para unha educación inclusiva e de calidade en Santa Lucía”, que ten como obxectivo a mellora da calidade educativa dunha das zonas máis vulnerables de Santiago de los Caballeros, de xeito que a educación sexa unha oportunidade para romper o “círculo vicioso da pobreza” e xerar desenvolvemento humano sostible en Santa Lucía.