Otras noticias
05/02/2009
Outras novas

RSC. A mocidade cre que a mellor contribución dunha empresa á sociedade é a doazón económica

Os mozos cren que a mellor contribución que pode facer unha empresa á sociedade é facer doazóns económicas, especialmente ás ONG.

Así despréndese do Observatorio Xuvenil 2008, un estudio dirixido por Cooperación Internacional ONG e realizado polo Gabinete de Análise Demoscópico (GAD) feito público onte.

No informe incluíronse por vez primeira algunhas cuestións relacionadas coa Responsabilidade Social Corporativa (RSC), dende a perspectiva das accións de voluntariado.

Neste senso, o estudo revela que o 89,9% dos mozos ven positivo que as empresas dean facilidades aos empregados para participar en labores de voluntariado e o 80,6% aplaude que as empresas desenvolvan políticas sociais no seu ámbito de influencia.

Á hora de preguntarlles cal sería a mellor contribución social que podería facer unha empresa, o informe pon sobre a mesa o gran descoñecemento dos mozos sobre o que é a Responsabilidade Social Corporativa.

Así, un 28,8% non sabe como pode unha empresa contribuír ao desenvolvemento da sociedade. A xuízo de Cooperación Internacional ONG, este dato fala da necesidade que ten este campo de darse a coñecer.

Dos que si deron algunha resposta, a meirande parte, un 40,9%, propoñen a doazón de parte dos beneficios empresariais. Un 10,4% consideraron a resposta de crear emprego e un 9,1 a de mellorar as condiciones de traballo.

Facilitar que os traballadores colaboren con ONG (8,6%), financiar proxectos -como centros para a terceira idade, para discapacitados ou garderías- (8,3%) ou coidar o medio ambiente (7,1%), foron outras das propostas da xuventude.

Por último, apenas un 6,1% avogaron por políticas de igualdade e integración; un 5,6% por axudar aos demais, e 4% por investir en erradicar a fame e a pobreza.

Fonte:Servimedia

Máis información