O 24 de marzo de cada ano celébrase o Día Mundial da Tuberculose, data na que se conmemora o día en que o Dr. Robert Koch presentou a un grupo de médicos na cidade de Berlín, en 1882, o seu descubrimento do bacilo da tuberculose.
Con tal motivo a ONGD Médicos sen Fronteiras (MSF) presenta o seu Informe Novas caras dunha vella enfermidade. Informe de Médicos Sen Fronteiras sobre a situación actual da tuberculose: diagnóstico, tratamento, investigación e desenvolvemento, no que explica a quen afecta principalmente esta enfermidade, os novos retos aos que se enfrontan, e cales son as necesidades máis urxentes. MSF leva 30 anos, desde que se creou, traballando para erradicar esta enfermidade.
O informe empeza coa seguinte pregunta: Está a tuberculose baixo control? Á que responden cun rotundo non. Nos 80 os expertos crían que en cuestión de décadas a enfermidade estaría erradicada, con todo na actualidade cada ano rexístranse un total de nove millóns de novos casos. No ano 2006 causou a morte a 1,7 millóns de persoas, o que significa a perda de catro vidas por minuto. Desde o Primeiro Mundo a tuberculose é vista coma unha enfermidade do pasado, o que se debe principalmente a que na súa gran maioría as vítimas do bacilo da tuberculose atópanse en países en desenvolvemento.
As persoas VIH positivas son máis vulnerables a esta enfermidade. Co estalido da epidemia do VIH as taxas de incidencia da tuberculoses aumentaron de xeito espectacular, especialmente na África Subsahariana. MSF informa que un dos principais problemas aos que se enfrontan débese á rápida expansión da tuberculose entre as persoas con VIH, ao que se engade a aparición e propagación de cepas resistentes á maioría de fármacos efectivos e administrados cunha maior frecuencia: “Cando aparece a tuberculose resistente aos medicamentos en poboacións vulnerables tamén infectadas co VIH, créanse os elementos dunha tormenta perfecta. Os resultados son catastróficos", explican. MSF promove tratar ambas enfermidades de xeito integrado. A resistencia a múltiples medicamentos débese a tratamentos interrompidos, administrados incorrectamente ou repetidos con frecuencia.
MSF demanda novas técnicas de diagnóstico, que dean mellores resultados, que sexan máis rápidas e que non requiran de alta tecnoloxía, adecuadas ao lugar no que se realizan. O diagnóstico das cepas resistentes é un traballo difícil. Por outra parte, o tratamento da tuberculose resistente aos medicamentos é moito máis custoso que tratar a unha persoa sensible aos mesmos. É necesario un maior investimento en investigación e unha redución dos custos dos medicamentos, así como o intercambio de coñecementos para avanzar na loita contra esta enfermidade, e chegar ó máximo posible de persoas aplicando o tratamento adecuado a cada caso específico.
O Informe inclúe testemuños de pacientes, de familiares e de persoal médico. O tratamento desta enfermidade é polo xeral moi duro e de longa duración, polo que é moi importante o apoio social e comunitario aos enfermos para que non o abandonen.