Otras noticias
22/04/2009
Outras novas

Municipios galegos e caboverdianos colaboran pola equidade de xénero

Unha delegación do Fondo Galego, desprazarase á capital de Cabo Verde, Praia, na Illa de Santiago. Estará formada por tres técnicas, do Concello de Arteixo e das Deputacións da Coruña e de Lugo, e máis pola técnica de proxectos da Secretaría Técnica do Fondo Galego.

O seu obxectivo fundamental consistirá na participación no Seminario de Políticas de Xénero, organizado polo Instituto Cabo-Verdiano para a Igualdade e Equidade de Género (ICIEG), que se desenvolverá durante os próximos días 23 e 24 e que ten por obxecto o intercambio de experiencias na elaboración e implementación de políticas de desenvolvemento local desde unha perspectiva de xénero, área en que as participantes contan con notable experiencia.

O seminario constitúe a última fase da execución do proxecto de cooperación ao desenvolvemento “Apoio á implementación de políticas locais con perspectiva de xénero", financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, con achegas de catro entidades socias: os Concellos de Culleredo e Vilagarcía e as Deputacións da Coruña e Lugo. O proxecto ten como finalidade a creación de dous plans municipais de igualdade de xénero, para os municipios de Praia e Paúl, un de perfil urbano e outro rural, que a partir do seminario deberán ser aínda enriquecidos.

A visita será aproveitada para a realización de contactos con outros actores do arquipélago a fin de preparar ou avanzar futuras actividades do Fondo Galego nas illas. En especial, a viaxe dun técnico municipal en calidade de cooperante, no ámbito do programa Vacacións con Traballo, e a preparación dun novo seminario, desta volta destinado a avaliar o traballo do Fondo Galego en Cabo Verde desde 2003, a fin de definir as liñas de acción futuras.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 98 Concellos e as 4 Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como unha rede para homologar e potenciar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do sur e facilitar unha maior sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 116 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do norte e do sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, ou Cuba, despois dos furacáns de 2008).

O Fondo Galego ten desenvolvido 31 proxectos de cooperación en Cabo Verde, desde o ano 2003.
 

Fonte: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.