Otras noticias
04/06/2010
Outras novas

O próximo 5 de xuño celebrarase o Dia Mundial do Medio Ambiente

Co propósito de sensibilizar á poboación mundial na necesidade de conservar o noso entorno, o próximo sábado 5 de xuño celebrarase en todo o mundo mediante distintas actividades o Día Mundial do Medio Ambiente (DMMA). Nesta data, cada ano dende 1972, conmemórase o WED (World Environment Day), como se lle coñece polas súas siglas en inglés, que se constitúe como un dos principais vehículos a través do que as Nacións Unidas fomentan unha conciencia cara ao medio ambiente e motivan unha atención e acción política.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE reafirma o seu compromiso co medio ambiente no II PD da cooperación galega. O novo Plan director da cooperación galega 2010-2013, aprobado polo Consello da Xunta o 15 de abril de 2010, establece como unha das cinco prioridades transversais a defensa da sustentabilidade ambiental, que considera requisito fundamental para calquera desenvolvemento que pretenda a súa perdurabilidade no tempo. Por iso, dende a Xunta avógase por que todas as accións de cooperación teñan en conta o seu impacto na dimensión ambiental e financia proxectos destinados especificamente á mellora do medio ambiente e o hábitat.

O II Plan director da cooperación galega inclúe así mesmo a xestión ambiental sustentable e o hábitat como unha prioridade sectorial. A cooperación galega pretende colaborar en mitigar os riscos para a sustentabilidade dos procesos de desenvolvemento asociados o medio ambiente, centrándose en dúas dimensións específicas: a xestión da sustentabilidade e a prevención fronte a catástrofes. Ao mesmo tempo, estes esforzos a favor do medio ambiente encóntranse en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que tamén inclúen os propósitos medioambientais.

 Día Mundial do Medio Ambiente 2010

O Día Mundial do Medio Ambiente foi establecido pola Asemblea Xeral da ONU en 1972 para marcar a apertura da Conferencia de Estocolmo sobre o medio ambiente humano. Nese mesmo ano aprobouse a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA)

"Moitas Especies. Un Planeta. Un Futuro", é o tema para o 2010 do Día Mundial do Medio Ambiente, realizando un claro chamamento para a conservación da diversidade de vida no noso planeta. Precisamente o ano 2010 foi declarado por Nacións Unidas como o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica.

Ruanda, un país do leste de África que está a adoptar unha transición cara a unha economía verde, foi este ano o país nomeado como anfitrión mundial do DDMA. A combinación da súa riqueza ambiental xunto coas pioneiras e novas políticas verdes que o país está a implementar, é unha das moitas razóns polas que o PNUMA aceptou a oferta de Ruanda de ser o anfitrión mundial do 2010.

Para máis información sobre o Día Mundial do Medio Ambiente poden consultar o sitio web do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, onde poderán encontrar toda a información relativa ao evento así como publicar na páxina web actividades previstas para a celebración deste día e formar parte así do 'Mapa Mundial do WED'.