O encontro está organizado pola Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento Española (CONGDE), a Confederación Europea de ONGD (CONCORD) e a Coordinadora Galega de ONGD co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A través da celebración deste foro preténdese un triplo obxectivo:
- Construír consensos sobre un marco de referencia para mellorar a eficacia do desenvolvemento dende a perspectiva das OSC.
- Proporcionar un espazo para xerar leccións aprendidas e para intercambio de boas prácticas sobre os esforzos existentes para ampliar o impacto das accións das OSC.
- Facilitar diálogos con doadores oficiais e gobernos para xerar coñecemento e apoio.
Este Foro ten lugar dentro do proceso consultivo impulsado dende a iniciativa coñecida como o Open Forum on CSO Development Effectiveness co fin de xerar un posicionamento conxunto das OSC de cara ao IV Foro de Alto Nivel sobre Eficacia da Axuda que se celebrará en Seúl (Corea do Sur) en outubro do 2011.
Este encontro terá carácter de consulta de país para España e de consulta rexional para Europa. As consultas nacionais e rexionais son unha das principais actividades do foro e foron concibidas como un espazo de diálogo e reflexión onde se tratan temas relacionados coa eficacia do desenvolvemento. Os resultados das consultas reuniranse nun informe narrativo, que pasará a formar parte dos informes rexionais. Ámbolos dous informes serán integrados posteriormente no borrador dun Informe Mundial que será presentado na primeira Asemblea Mundial do Foro e que servirá como base para o marco e as contribucións que se expoñerán durante 2011 no IV Foro de Alto Nivel en Seúl.
Aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo aquí, na páxina web www.urgeotraeuropa.org.