Otras noticias
30/08/2010
Outras novas

Mañá 31 de agosto celébrase o Día Internacional da Solidariedade

Na Declaración do Milenio de Nacións Unidas destácase a importancia da solidariedade como un valor esencial para as relacións internacionais no século XXI. Igualmente recorda que "os que sofren, ou os que menos se benefician, merecen a axuda dos máis beneficiados". Tampouco podemos esquecer, como cita a propia carta dirixida ao presidente da Asemblea Xeral que solicita a proclamación deste día, que "a solidariedade non é só un requisito de carácter moral, senón tamén unha condición previa para a eficacia das políticas dos países e os pobos, é unha das garantías da paz mundial".

O 31 de agosto de 1980 iniciouse en Polonia o movemento social independente Solidariedade, baseado nos ideais de solidariedade e que abriu o camiño cara á democracia en moitos países. Obtivo un gran recoñecemento a nivel mundial, confirmado pola concesión do Nobel de la Paz ao seu lendario dirixente Lech Walesa. É por iso que se elixiu esta data para a celebración do Día da Solidariedade, coincidindo co aniversario do aclamado movemento que puxo de manifesto a importancia da solidariedade entre os pobos e persoas.

Dende a Xunta de Galicia queremos unirnos á celebración do Día Internacional da Solidariedade, convencidos da relevancia de que valores como a solidariedade imperen na sociedade do nacente século XXI. A solidariedade é sen dúbida para a cooperación galega unha das nosas mellores ferramentas de traballo e un eixe transversal a todas as nosas accións e formulacións.

Así, con motivo desta celebración, os diarios El Correo Gallego e Galicia Hoxe, en colaboración coa Xunta de Galicia elaboraron unha reportaxe que será publicada mañá nos devanditos xornais, que incluirá un breve percorrido pola historia e configuración da Cooperación Galega e unha entrevista ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea Jesús María Gamallo Aller.