Otras noticias
21/09/2010
Outras novas

Un ano máis a Campá da Paz soa en Nacións Unidas en conmemoración do Día Internacional da Paz

Paz = Futuro: Así de doado. Con este lema preséntase este ano a campaña de Nacións Unidas para o Día Internacional da Paz, que hoxe 21 de setembro, tal e como vén sucedendo dende 1982, se celebra en todo o mundo a través de diversos actos.

Este ano a data coincide co Cumio dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, cita primordial para a campaña de loita contra a pobreza máis importante do mundo, polo que o cumprimento do Día Internacional da Paz na sede principal de Nacións Unidas viuse adiantado ao pasado venres 17 de setembro. Nesta celebración tivo lugar a tradicional cerimonia da Campá da Paz na que o Secretario Xeral de Nacións Unidas Ban Ki-moon tañó a citada campá.
Coa celebración deste día finaliza a conta atrás de 100 días emprendida polo Secretario Xeral de Nacións Unidas o pasado 13 de xuño. "Necesitamos a vosa voz e compromiso e compartiremos as vosas historias co mundo", dicía Ban Ki-moon nunha chamada para atraer mozos de todo o mundo a tomar unha postura en favor da paz achegando as súas historias, explicando o que fan para a paz a través dos medios sociais e para as Nacións Unidas.

A promoción da paz a nivel internacional e nacional é un dos propósitos fundamentais de Nacións Unidas. Así, a organización de Nacións Unidas establece orixinariamente no ano 1981, o día 21 de setembro para a celebración do Dia Internacional da Paz. Ese ano, a Asamblea Xeral da devandita institución declara que o terceiro martes de setembro, día de apertura do seu período ordinario de sesións, será proclamado e observado oficialmente como Dia Internacional da Paz, e dedicado a conmemorar e fortalecer os ideais de paz en cada nación e cada pobo e entre eles.

Vinte anos despois, o 7 de setembro do 2001, a Asamblea Xeral recordando aquela resolución de 1981, decide que a partir do 2002 se observe o Día Internacional da Paz o 21 de setembro de cada ano, data que se sinalará á atención de todos os pobos para a celebración e observancia da paz. Así mesmo declara que de aí en diante este día se observe como un día de cese do fogo e de non violencia a nivel mundial, co fin de que todas as nacións e pobos se sintan motivados para cumprir un cesamento de hostilidades durante todo ese día.

Por último, na devandita declaración invítase á conmemoración deste día e entre outras cousas á realización de actividades educativas e de sensibilización da opinión pública. A sociedade responde neste día con actos de conmemoración, observancia e reflexión que terán lugar ao longo de toda a xornada. Por outro lado, diversas organizacións poñen a disposición dos centros educativos e do público en xeral numerosos recursos educativos e de sensibilización para traballar e reflexionar sobre a paz.

 

Para máis información consulte neste enlace a páxina web de Nacións Unidas para o Día Internacional da Paz.