A XUNTA DE GALICIA COLABORA NA CAPACITACIÓN AGRÍCOLA DE 70 FAMILIAS DA ETNIA AYMARA EN BOLIVIA
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, está a prestar capacitación agrícola de setenta familias da etnia Aymara da provincia de Murillo, en Bolivia. Trátase dunha actuación que pretende mellorar o nivel de vida das familias campesiñas a través do fortalecemento da produción de leite e os seus derivados.
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visitou estes días en El Alto o proxecto para coñecer as súas características e a súa evolución e participou na inauguración dun dos establos construídos coa achega galega e no ritual de ofrendas de alimentos á terra que esta cultura fai pola conclusión dunha determinada obra.
Os aymaras traballan na gandería leiteira e os seus ingresos proveñen case exclusivamente desta actividade. No entanto, se ten comprobado a través de varios estudos realizados no Altiplano paceño que os produtores leiteiros carecen dun programa de sanidade animal axeitado, que non teñen construcións apropiadas nin unha produción animal racional. Así mesmo, verificouse que os produtores leiteiros melloran os seus ingresos por venda de derivados lácteos.
Por iso o Goberno galego estima importante contribuír a mellorar a súa formación en sanidade animal, a alimentación do gando e dotar á zona dunha queixería co equipo necesario para permitir aos gandeiros converter o leite en derivados e obter un mellor prezo no mercado.
Formación das traballadorasAsí mesmo, con esta actuación preténdese incluír ás mulleres (madres e fillas) en todos os programas que se levaran a cabo para que a súa participación acade o 50%, posto que son elas as que manexan directamente os bovinos leiteiros e toman parte activa das decisións económicas das familias.
Entre as actuacións previstas neste proxecto, ademais dos cursos de formación específicos, que inclúen capacitación en hixiene animal, hixiene de ordeño, alimentación e manexo de gando vacún, manexo e conservación de forraxes e solos; e a construción dunha queixería para procesar o leite e obter produtos de calidade.
Mediante esta formación, as familias desta zona terán un maior control sanitario dos seus animais, facendo fronte a enfermidades habituais como a febre aftosa, o carbuncho, a brucelose e parasitos para reducir as perdas por mortalidade de bovinos ao tempo que se incrementa a produción leiteira e os seus derivados. Dentro da capacitación farase especial fincapé na conservación do solo e do medio ambiente a través de técnicas que permitan a utilización de excrementos animais como fertilizantes para mellorara a produción forraxeira e evitar a contaminación ambiental.
Actuacións complementariasAsí mesmo, está programada a construción de 22 establos, a inmunización de 400 animais das principais enfermidades presentes na zona, a compra de 800 quilogramos de semente forraxeira para mellorar a alimentación do gando, a perforación de pozos e a construción dunha rede de distribución de auga para dar resposta a escaseza que sofre a zona.
No longo prazo, o proxecto levado a cabo pola Fundación Cume coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, inclúe a posta en marcha dun plan de reprodución animal e melloramento xenético mediante a adquisición de tres touros mellorados.
Contexto socioeconómicoSegundo o Anuario estatístico de Bolivia, o nivel de pobreza acada o 94,5% da poboación, dos cales o 60% son indíxenas e marxinais. O idioma comunmente utilizado polos habitantes desta zona é o castelán aínda que se mantén a lingua nativa que é o Aimará. Os ingresos económicos anuais dunha familia non superan os 1.300 dólares e as familias están compostas por unha media de seis integrantes. As infraestruturas de vivenda, educación, saúde e produción é precaria na maioría dos casos.
As condicións actuais determinan que só o 19,3% da terra se destina a cultivos forraxeiros para a alimentación do gando leiteiro. Os produtores da zona contan cunha axuda moi limitada por parte das autoridades locais e da Prefectura do Departamento no eido da produción agropecuaria.
Esta iniciativa se desenvolverá respectando as peculiaridades culturais desta etnia e non se forzará a ninguén a participar nel, aínda que polas solicitudes recibidas para intervir nas accións programadas se sumarán preto do 100% dos produtores leiteiros.