Noticias de Cooperación Gallega
16/01/2006
Xeral

EDUCACIÓN, POLÍTICA LINGÜÍSTICA E COOPERACIÓN EXTERIOR PROMOVEN A CULTURA DA PAZ COLABORANDO NA EDICIÓN DE MATERIAL DIDÁCTICO PARA CONMEMORAR O DÍA ESCOLAR POLA PAZ

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, salientou que desde a Administración educativa se estaba levando a cabo de xeito experimental a posta en marcha dun programa denominado Solucionando Xuntos que traballa especialmente a mediación escolar como solución aos conflitos que se orixinan nos centros. Esta iniciativa está en marcha en oito centros galegos e pretende “fomentar a cultura da paz e formar cidadáns responsables e comprometidos coa sociedade”, destacou. Ademais, a Consellería de Educación está deseñando un programa propio para formar a profesores na solución pacífica a casos de violencia que se poidan dar.

Laura Sánchez Piñón participou esta mañá no acto de presentación do material didáctico que se distribuirá aos centros educativos para a celebración, o vindeiro 30 de xaneiro, do Día Escolar pola Paz. A conselleira de Educación estivo acompañada pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo; e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz.

Durante o acto, a secretaria xeral de Política Lingüística eloxiou a iniciativa do Seminario Galego de Educación para a Paz de remitir a todos os centros docentes o texto da Lei de Fomento da Educación e da Cultura da Paz traducida ao galego, “porque deste xeito, facilitarase que o traballo nas aulas, a través das unidades didácticas que teñen preparadas, sexa tamén en lingua galega”, sinalou.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, asegurou pola súa parte que “non é posible o traballo para o desenvolvemento sen un traballo firme pola paz”.  Ao tempo, destacou que o departamento que dirixe traballará neste eido dun “xeito aberto, enmarcada no fomento da Educación para a Cidadanía” e de maneira “conxunta, transversal, co resto dos departamentos do Goberno galego”.

“Neste caso concreto, a colaboración en temas de educación para a paz será unha premisa para guiar e fomentar, aínda máis, se cabe, as nosas actividades conxuntas coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria”, dixo Fabiola Sotelo. 

Pola súa banda, o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz destacou a repercusión desta actuación, xa que 753 centros galegos xa baixaron da páxina web do Seminario, o material didáctico co que conmemorar o Día Escolar da Paz. Manuel Dios fixo referencia tamén aos dous actos que terán lugar o día 27 e 30 de xaneiro, respectivamente. O primeiro deles, a entrega dos premios Portapaz 2005 terá lugar o xoves 27 no Museo Pedagóxico de Galicia e o segundo, na mesma data de celebración do Día Escolar pola Paz, na Casa Museo de Rosalía de Castro e incluirá un recital poético, a plantación dunha árbore e a presentación das bandeiras da paz.

Material presentadoO material presentado hoxe está dirixido aos centros educativos da Comunidade galega e inclúe unha carta de presentación da campaña; un cartel conmemorativo do Día Escolar pola Paz; un tríptico informativo coa Lei en galego, con ilustracións de Fausto Isorna; unha pegatina; unha paxariña recortable para construír polo alumnado; o programa para a Paz e a Xustiza do século XXI e unha proposta didáctica para a celebración da xornada en educación infantil, primaria e ESO.

Deste xeito, o Seminario propón a  configuración dunha cortina da paz, unha bandeira e unha escultura da paz con caixas de cartón en educación infantil e o primeiro ciclo de primaria. Para o segundo ciclo de primaria, a elaboración dunha escultura da paz en barro, dun mural; e a solta de pombas; mentres que para o terceiro ciclo de primaria ofértase a representación da obra Os cinco dedos, de Calo Iglesias, que tamén acompaña esta documentación. Para os alumnos de ESO, o Seminario propón a visulización do documental En son de Paz e a visita a unha exposición sobre educación e cultura de paz que se pode solicitar ao Seminario para amosar no centro.