Otras noticias
29/06/2012
Outras novas

Todos xuntos para dar un empurronciño ás causas solidarias

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) basea a súa metodoloxía de actuación en causas solidarias e programas de educación e comunicación para o desenvolvemento no valor do voluntariado. Uníndose á campaña 'Dálle un empurronciño á participación' da Fundación Hazloposible busca persoas interesadas en axudar a dar ese ‘empurronciño’ aos que lle rodean e en formar parte da rede de voluntarios, colaboradores e socios da entidade.

A través das redes sociais, do hashtag de Twitter #empujoncito e dunha campaña de divulgación entre a súa base social, a entidade de reporteiros quere trasmitir a mensaxe da campaña: se cada un de nós dá un ‘empurronciño’ a alguén próximo, paso a paso o apoio e a participación nas causas solidarias de todas as entidades sociais veranse reforzados.

"Moitas persoas pensan en facer algo para cambiar as cousas pero non é doado dar o primeiro paso. Por onde empezar?, Con quen contactar? Só necesitan un empurronciño e ti podes darllo! ", explican dende Hazloposible como carta de presentación da campaña.

Partindo desta premisa, lanzan ao aire unha reflexión: "Por que non nos animamos a dar ese empurronciño a alguén próximo para que entre no mundo da solidariedade?". E achegan unha resposta sobre como canalizar os resultados deses empurronciños: "pode ser un voluntariado presencial ou online, pode ser unha ciberacción ou podes unir as túas afeccións a outra forma de participación nunha causa (sendeirismo, montar en bicis, cociñar)".

Para os que logren animar os seus amigos a dar ese primeiro paso, poñen á súa disposición un banco de recursos para encontrar onde e como participar. No enlace ‘Dale un empujoncito’ ofrécese un abano amplo de posibilidades. Cada persoa poderá implicarse na campaña que máis o mova, que máis remova a súa conciencia. Entre elas, están todos os proxectos de Agareso e os que estean interesados en unirse a eles non teñen que escribir nada máis a agareso@agareso.org .