Otras noticias
08/11/2012
Outras novas

O alumnado do IES Antonio Fraguas presenta en Compostela un programa de televisión a prol da inclusión

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) promoveron no instituto Antonio Fraguas esta actividade durante o curso pasado, no marco do programa ‘Escolas sen Racismo’, que engloba a máis de 500 centros educativos de toda Europa. Nas sesións capacitouse aos rapaces e rapazas no eido audiovisual, incorporando non só contidos xornalísticos senón tamén o debate relacionado coa linguaxe non sexista ou a análise do discurso mediático.

As clases culminaron coa gravación, no barrio de Fontiñas, do espazo televisivo que agora se presenta. Nas reportaxes participan persoas con discapacidade, a comunidade xitana, colectivos LGTB, familias migrantes e diversas veciñas e veciños que foron enquisados na rúa. Estimular a participación social do estudantado e contribuír á formación dunha cidadanía con espírito crítico e construtivo, eran algúns dos obxectivos da experiencia.

O obradoiro de educación e comunicación para o desenvolvemento impulsado por ACPP e Agareso realizouse tamén no CEIP López Ferreiro, pero neste caso centrado na radio. A actividade volverase repetir este curso no colexio compostelán, mentres que a modalidade de televisión se impartirá en dous IES de Pontevedra. No entanto, o proxecto ‘Escolas sen Racismo’, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia, abrangue diferentes actividades para a educación en valores en centros de distintas provincias.