Actualmente, temos recursos suficientes para alimentar ao dobre da poboación mundial, pero 1000 millóns de persoas pasan fame. A soberanía alimentaria garante o dereito de todos os pobos ao acceso a alimentos nutritivos e ao seu dereito a decidir sobre o seu propio sistema alimentario e produtivo. Desde esta perspectiva, Enxeñería sen Fronteiras organiza para os días 23, 24 e 25 de novembro as II Xornadas de Soberanía Alimentaria; unha formación de balde que está recoñecida cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da Universidade de Santiago de Compostela (a espera de confirmación).
A través deste traballo, Enxeñería sen Fronteiras persegue mostrar ao alumnado unha visión global das causas e consecuencias do neoliberalismo nun mercado mundial. Doutra banda, mostrarase a necesidade de pór a tecnoloxía e a enxeñería ao servizo do desenvolvemento humano, entendéndoas e aplicándoas dentro do entorno cultural, político, social, económico e ambiental en que se empregan.
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro mércores 21 de novembro e realizarase na dirección de correo lugo@galicia.isf.es.
Programa
Venres 23, 16:00-20:50 Bloque I: Introdución, contexto actual e pobreza.
Sábado 24, 9:30-14:00 Bloque II: Modelo agroalimentario actual e alternativas.
Sábado 24, 16:00-20:50 Bloque III: Soberanía Alimentaria: Modelo alternativo.
Domingo 25, 9:30-14:00 e 16:00-20:50 Bloque IV: Incidencias e experiencias para a construción da soberanía alimentaria.