Otras noticias
29/11/2012
Outras novas

O Fondo Galego de Cooperación festexa 15 anos de traballo e compromiso local coa solidariedade internacional

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebra os seus 15 anos de compromiso cos Dereitos Humanos a través dunha intensa xornada na que se combinará a reflexión e o debate coa exposición e representación de traballos teatrais e audiovisuais. En primeiro lugar, ás 9:00 horas comezarán as “VII Xornadas de Cooperación: 15 anos comprometéndonos coa igualdade”, un acto apoiado pola Xunta de Galicia que contará con dúas mesas redondas de intercambio e debate. A partir das 12:30 horas, comezará a gala de aniversario dos 15 anos do Fondo Galego, conducida pola actriz galega Mariana Carballal.

O programa

Na primeira parte da xornada deste venres día 30, expertas e expertos de Galicia e internacionais compartirán mesa para analizar a cooperación municipalista no mundo e a situación do sistema galego de cooperación diante da crise, en senllos debates moderados polos xornalistas Tino Santiago e Natalia Puga. Tras un café de comercio xusto, iniciarase a gala de conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego.

No transcurso do evento, entregaranse os premios do concurso fotográfico ‘Imaxes con Fondo’, nas categorías xuvenil e adulta, e presentarase o documental sobre o Fondo Galego de Cooperación elaborado por voluntariado da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A compañía A Tropa de Trapo representará tamén o espectáculo ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, que está a xirar polas Deputacións e Concellos socios do Fondo.

O acto, con entrada libre e de balde, deparará aínda outras sorpresas para culminar as actividades conmemorativas que arrincaron en xaneiro coa publicación do libro ‘15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego’. Para confirmar asistencia, prégase contactar coa Secretaría Técnica, que exerce o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), no correo comunicacion@fondogalego.org ou nos teléfonos 698 156 127 e 698 144 536.