Otras noticias
03/12/2012
Outras novas

O Fondo Galego celebrou o seu XV Aniversario reafirmando o compromiso municipalista coa Cooperación Internacional

A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, abriu o acto apostando polo valor da cooperación municipalista na defensa dos Dereitos Humanos. De seguido, a Tropa de Trapo emocionou ao público co seu contacontos para crear conciencia solidaria. A gala conducida por Mariana Carballal continuou coa presentación do documental sobre o Fondo Galego de Cooperación realizado por voluntariado da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

O evento pechouse coa entrega dos premios do concurso ‘Imaxes con Fondo’, na que participaron diversas actrices e actores galegos. O fotógrafo Jose Romay, gañador da categoría de adultos, recibiu de mans do cómico Isi e a actriz Iolanda Muíños o seu galardón, unha viaxe a Cabo Verde para realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos no país. Ernesto Chao e Mela Casal, pola súa banda, outorgáronlle ao mozo Xiao Aller o premio correspondente á sección xuvenil, unha cámara réflex e un lote de produtos de comercio xusto.

Antes do acto conmemorativo, o Fondo Galego desenvolveu desde primeira hora as VII Xornadas de Cooperación: 15 anos comprometéndonos coa solidariedade. Expertas e expertos de Galicia, Catalunya e Portugal analizaron a cooperación municipalista no mundo e a situación do sistema galego de cooperación diante da crise.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 92 Concellos de toda a Comunidade e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.