Otras noticias
19/12/2012
Outras novas

Enxeñería sen Fronteiras organiza esta fin de semana dous obradoiros de comunicación e co-creación colectiva

Co obxectivo de romper o medo a emitir mensaxes por parte da base social das ONGD, Enxeñería sen Fronteiras organiza dous obradoiros complementarios nos que se traballará a creación de documentos orixinais para xogar coas palabras e os seus significados.

Obradoiro de Santiago

O primeiro Obradoiro terá lugar o venres 21 de decembro na Aula 6 da Escola Técnica Superior de Enxeñería no Campus Vida de Santiago de Compostela de 16:30 a 20:30 horas. O programa do Obradoiro é o seguinte:

1) Introdución. Liñamentos estratéxicos de comunicación. Que tipo de comunicación decidimos facer?
2) A comunicación, redes sociais e creatividade.
3) Mans á obra. Fagamos algo que poidamos tocar, ver e oír. A Guerrilla de Comunicación. Contracomuniquemos!
4) Remate. Cuestións, preguntas e avaliación.

Desde a organización comunican que as persoas interesadas leven revistas e xornais para poder elaborar os anuncios de contrapublicidade.

Obradoiro de Vigo

O sábado 22 de decembro celebrarase o segundo Obradoiro en Vigo. Os horarios e o lugar onde se levará a cabo o curso aínda están por confirmar. O programa do taller, complementario ao do día anterior, é o seguinte:

1) Presentación do obradoiro. Caravana Comunicativa e Cadáver Exquisito (Compostela)
2) Diferenzas entre comunicación e información.
3) Xoguemos coa linguaxe. Malabares coas palabras.
4) Creación colectiva de mensaxes.
5) Despedida da caravana.