Otras noticias
16/01/2013
Outras novas

As ONGD AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz organizan o III Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’

Ao longo das súas tres edicións, o obxectivo do Seminario é o de capacitar a xornalistas e futuros xornalistas no coñecemento da comunicación social e, máis concretamente, da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade.

As aulas impartiranse entre o 26 de febreiro e o 7 de maio, os martes de 16 a 20 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que colabora coa iniciativa. Cunha duración total de 40 horas, a actividade está dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 14 de febreiro en seminario@agareso.org. As prazas son limitadas e o custo da matrícula é de 100 euros.

Viaxe a Marrocos

Co obxectivo de poder completar a formación teórica cunha experiencia práctica, catro asistentes ao Seminario terán a oportunidade de realizar unha expedición a Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación aplicada aos diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en temas como saúde, emigración, xénero ou educación.