Otras noticias
01/03/2013
Outras novas

O III Seminario de Xornalismo social e cooperación internacional abre un segundo prazo de inscrición para todas aquelas persoas interesadas

A terceira edición do Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ deu comezo esta semana na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que por baixas de última hora segue habendo prazas dispoñibles. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) promoven esta acción que busca formar profesionais comprometidos e comprometidas coa información social e solidaria.

O seminario consta de dous módulos temáticos distribuídos en dez xornadas nas que se contará con representantes das distintas entidades que conforman o tecido social galego, como a Rede Galega contra a Pobreza, Cogami, Equus Zebra ou a Fundación Secretariado Xitano. Ademais, participarán importantes persoeiros do mundo da comunicación social, que analizarán a representación mediática de distintos colectivos en risco de exclusión, e se traballará o papel que xogan os medios de comunicación na representación do xénero.

Neste curso avaliarase, tanto a participación e asistencia, coma os traballos realizados. O alumnado recibirá unha certificación que acreditará a súa participación no curso. Ademais, catro das persoas participantes poderán poñer en práctica o aprendido no curso a través dun período de prácticas na cidade marroquí de Nador.