A través de actividades coma teatro de rúa ou sesións de sensibilización en materia de xénero, preténdese reducir as barreiras que dificultan a participación social das donas e promover un entorno equitativo onde se poñan en cuestión os estereotipos e roles sexistas. Ao tempo, prepárase ás mulleres para que creen as súas propias empresas e gañen independencia, amais de formalas para activar a súa intervención política.
O proxecto, cofinanciado polo Fondo Galego con 6.730 euros, busca empoderar a 1.500 mulleres desfavorecidas desa zona xeográfica da India, e está a ser impulsado pola ONG local People’s Development Initiatives (PDI). Deste xeito, as actuacións canalízanse a través dos grupos de aforro e microcrédito que Implicadas e PDI impulsan na zona desde hai cinco anos dentro do seu Programa para o Empoderamento das Mulleres, insistindo na necesidade de traballar contra a discriminación de xénero como primeiro paso cara o desenvolvemento. Nestes grupos de axuda mutua, as donas van xuntando os seus aforros para conceder préstamos ás integrantes, nunhas condicións que se deciden de xeito asembleario. A maiores, reciben formación e apoio nos seus problemas cotiáns, co que van gañando autonomía e autoestima.