Otras noticias
21/03/2013
Outras novas

As ONGD Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz organizan obradoiros de radio e televisión dentro do seu programa "Escolas sen Racismo"

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) están a traballar con alumnado de Pontevedra, Santiago de Compostela e Ames a educación e a comunicación para o desenvolvemento mediante obradoiros de radio e televisión. A iniciativa encádrase no movemento europeo ‘Escolas sen Racismo’, que engloba xa a máis de 500 centros educativos, e faise pública coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial.

No IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, Agareso imparte os mércores pola tarde o obradoiro de televisión a estudantes de Secundaria. As persoas participantes xa realizaron gravacións con compañeiras e compañeiros do instituto que utilizan cadeira de rodas e se desprazaron a Monteporreiro para gravar con rapazas e rapaces da Fundación Secretariado Xitano. En Santiago de Compostela vén de dar comezo o obradoiro de radio no CEIP López Ferreiro, con escolares de Primaria. Esta mesma actividade está previsto desenvolvela a partir do terceiro trimestre no CEIP Barouta, de Ames.

No entanto, o programa ‘Escolas sen Racismo’ que ACPP se encarga de implementar en Galicia é máis amplo, xa que abrangue neste curso un total de oito centros de distintas provincias cos que se traballa a educación para o desenvolvemento a través de diferentes metodoloxías. O proxecto conta co apoio económico da Xunta de Galicia.