Coincidindo co Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións, o pasado luns día 29 de abril celebrouse no IES Torrente Ballester un evento conmemorativo auspiciado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz.
Tras a apertura do acto a cargo do director do IES, José Ramón Couto, representantes de ACPP e Agareso incidiron na importancia de iniciativas como a de Escolas sen Racismo para formar en valores a través da educación e a comunicación para o desenvolvemento. A continuación, o alumnado deulle lectura a un poema pola paz e ao manifesto contra o racismo.
Para rematar, a incorporación do instituto pontevedrés á rede de Escolas sen Racismo confirmouse coa entrega dunha placa acreditativa e coa sinatura do documento correspondente. Por último, as e os asistentes visionaron os materiais elaborados polo alumnado como resultado das actividades realizadas no marco do proxecto.