As actividades para a educación en valores promovidas pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) rematan mañá no CEIP Barouta (Ames) coa clausura do obradoiro de radio de educación e comunicación para o desenvolvemento. A derradeira xornada desta iniciativa, na que rapazas e rapaces de Primaria gravaron un programa sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, desenvolverase entre as 16.30 e as 18 horas e incluirá a entrega dos diplomas acreditativos ao alumnado.
Canda o obradoiro de radio, que fomenta non só os coñecementos sobre este medio senón tamén a participación social das e dos estudantes, no centro desenvolveuse asemade un teatrofórum, onde as rapazas e rapaces traballan a través da representación contra os prexuízos e as actitudes discriminatorias. Actrices e actores profesionais escenifican un conflito que o público debe resolver e, tras un debate, o alumnado toma parte na representación da conduta axeitada para resolvelo, que volve discutirse.
Durante o curso, o CEIP Barouta empregou tamén en Primaria senllas publicacións da serie ‘Historias que contan’: o relato dun mono que pretende salvar un peixe sacándoo da auga e o conto de Carapuchiña Vermella narrado desde o punto de vista do lobo. Trabállanse así de xeito lúdico e reflexivo os estereotipos, a interculturalidade e a comprensión do outro. Favorecer a convivencia desde o respecto á diversidade é tamén o obxectivo do conto ‘Por un mundo de cores’, actividade dirixida ás nenas e nenos de Educación Infantil.
O xogo de roles ‘Na procura do desenvolvemento’ ou un obradoiro de televisión para educación en valores son outras das actividades que ACPP e Agareso levaron a cabo ao longo do curso escolar que agora remata en oito centros de ensino galegos. O proxecto, que conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, encádrase no movemento internacional a prol da inclusión ‘Escolas sen Racismo’, que engloba a máis de 500 centros educativos de toda Europa.