O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará este ano un mínimo de 70.000 euros ao financiamento de proxectos de axentes de cooperación galegos en países do Sur, o que supón un incremento orzamentario do 40% respecto de 2012. A asociación de concellos e deputacións vén de lanzar a convocatoria de subvencións coa que pretende contribuír ao fortalecemento do tecido solidario galego. O máximo da achega por proxecto ascende a 30.000 euros e o prazo para a presentación de solicitudes prolongarase ata o 31 de agosto.
Terán preferencia as intervencións nos países menos adiantados, naqueles prioritarios para o Fondo Galego (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú), nos países lusófonos e nos sinalados no II Plan Director da Cooperación Galega. Amais de incorporar enfoques transversais coma a loita contra a pobreza, os Dereitos Humanos, a igualdade de xénero e a protección do medio ambiente, o ámbito de actuación deberá estar vinculado co eido local. Os parceiros locais han de responsabilizarse da execución, que contará coa participación das persoas beneficiarias. Ao tempo, as organizacións solicitantes teñen que acreditar dous anos de presenza real en Galicia e outros tantos de experiencia no país e no sector de destino.
Entre as novidades da convocatoria de 2013 destaca a necesidade de incorporar unha actividade de sensibilización en Galicia arredor do proxecto, preferiblemente que favoreza o intercambio de experiencias Sur-Norte. Búscase así promover o coñecemento da realidade dos países empobrecidos e os logros que está a acadar a cooperación internacional para o desenvolvemento, co fin de concienciar á sociedade galega sobre as desigualdades e sobre o seu papel na transformación cara un mundo máis xusto.
O Fondo Galego presentou xa as bases da convocatoria ante o Consello Municipalista de Cooperación, órgano consultivo do que están convidados a participar os axentes do sector, nunha xuntanza tras a que se incorporaron boa parte das alegacións da Coordinadora Galega de ONGD. Unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes deputacións e concellos encargarase de avaliar os proxectos presentados, aínda que será a Asemblea de socios do Fondo Galego quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. As bases e os formularios da convocatoria poden descargarse en www.fondogalego.org.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.