Otras noticias
05/09/2013
Outras novas

Persoal dos concellos de Ourense e Ferrol cooperará en Nicaragua e Cabo Verde

Un técnico do Concello de Ourense e unha técnica do Concello de Ferrol intercambiarán experiencias en Nicaragua e Cabo Verde cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través de Vacacións con Traballo. As estadías do programa de voluntariado internacional dirixido ao persoal das administracións locais e provinciais socias da entidade prolongaranse durante un mes no derradeiro cuadrimestre do ano. Os participantes asisten hoxe a unha xornada de formación.
Emilio Cuiñas, traballador do departamento de Turismo ourensán, apoiará o proxecto de desenvolvemento turístico liderado pola ONGD nicaraguana Instituto de Promoción Humana-Somoto. Pola súa banda, a directora da casa de acollida de mulleres ferrolá, María Jesús Olivares, colaborará coa municipalidade caboverdiana de Porto Novo na promoción da igualdade de xénero.
Ambos os dous empregados municipais investirán o seu mes de vacacións achegando os seus coñecementos técnicos a parceiros do Fondo Galego no Sur. No entanto, Vacacións con Traballo é sobre todo un programa de sensibilización no que as e os profesionais participantes toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. Ao tempo, supervisan as actuacións que o Fondo Galego cofinancia nos países empobrecidos e exploran novas vías de colaboración.
Durante a estadía, comparten as súas vivencias nun blog, mentres que á volta elaboran unha memoria e toman parte en diferentes actividades de difusión. Con esta oitava edición de Vacacións con Traballo, que contou con nove candidaturas doutros tantos consistorios, serán 26 as empregadas e empregados municipais e provinciais que viviron esta experiencia. Os vídeos nos que boa parte delas e deles expoñen as súas reflexións están dispoñibles na canle do Fondo Galego en Youtube.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.