Otras noticias
09/10/2013
Outras novas

Dez concellos socios do Fondo Galego fomentan a formación en valores mediante a radio e a música

Dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acollerán cadanseu obradoiro de radio para a formación en valores solidarios a través da música, impartido pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A iniciativa estrearase na Estrada mañá xoves e nos próximos meses estenderase aos municipios de Abegondo, Allariz, Boiro, Cambre, Lugo, O Porriño, Oleiros, Sada e Redondela.
A actividade busca sensibilizar á cidadanía sobre os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Milenio, fomentando á vez as habilidades de participación, a través da comunicación para o desenvolvemento. Nas capacitacións adquiriranse as destrezas básicas para elaborar unha peza radiofónica na que se reflexionará mediante a música arredor de temas como a igualdade, a convivencia pacífica, as causas da pobreza ou o coidado do medio ambiente. O apartado musical pode complementarse con entrevistas, enquisas na rúa, etc.
As principais destinatarias e destinatarios da actividade son estudantes de 5º e 6º curso de Primaria ou ben de 1º e 2º da ESO. No entanto, tamén pode tratarse de asociacións de mulleres, migrantes, persoas con discapacidade ou calquera colectivo en risco de exclusión. Nestes casos, os contidos enfocaranse cara as súas problemáticas concretas.
Os obradoiros teñen unha duración de seis horas estruturadas en dúas xornadas. Na primeira impartirase unha introdución ao medio radiofónico para coñecer as súas características, a linguaxe ou os xéneros xornalísticos, amais de explicar os ODM e os DDHH. Na segunda sesión poranse en común as cancións recompiladas, para logo realizar guión e a gravación. Nos casos en que sexa posible, a práctica realizarase nunha emisora municipal. O espazo resultante emitirase en Agareso Radio e pendurarase no web www.fondogalego.org como podcast, e cederase asemade ás canles locais. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización do Fondo Galego e conta co apoio da Xunta de Galicia.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.