A iniciativa Escolas sen Racismo, impulsada pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) co apoio da Xunta de Galicia, vén de ser galardoada co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’. En concreto, foi a experiencia implementada no IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, a merecedora do recoñecemento que outorga a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento -adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación- xunto co Ministerio de Educación, na súa edición especial 25 Aniversario da Aecid.
As actividades levadas a cabo no instituto pontevedrés durante o curso 2012/2013 centráronse na educación en valores a través dun obradoiro de televisión, que culminou coa gravación dun programa no que se incorporaron reportaxes sobre comercio xusto, migracións, a comunidade xitana ou o alumnado con discapacidade. Tamén se traballou nas aulas sobre o Manifesto das Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o desenvolvemento, e coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tarefa da que resultaron murais e poemas.
Os Premios Nacionais de Educación para o Desenvolvemento entregaranse o vindeiro 13 de novembro en Madrid. En virtude deste galardón, dous docentes do instituto Torrente Ballester terán a oportunidade de participar previamente nun Seminario de Intercambio e Formación en Boas Prácticas en Educación para o Desenvolvemento que se celebrará do 6 ao 12 de novembro entre Málaga e Tánxer.
O IES Gonzalo Torrente Ballester é un dos oito centros nos que se desenvolveu o pasado ano a programación de Escolas sen Racismo a través do proxecto ‘Mellora da educación e comunicación para o desenvolvemento na educación infantil, primaria e secundaria, e da formación en cooperación e comunicación para o desenvolvemento no ámbito universitario’, cofinanciado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea mediante a convocatoria de Educación para o Desenvolvemento. A iniciativa volve contar no presente curso co apoio da administración autonómica.