Otras noticias
27/11/2013
Outras novas

Unha delegación caboverdiana percorre Galicia para difundir a cooperación realizada no país lusófono

Unha delegación caboverdiana percorrerá Galicia durante a vindeira semana para visibilizar os proxectos de desenvolvemento apoiados no arquipélago polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nos últimos once anos. Os actos da Irmandade Galicia-Cabo darán comezo o luns día 9 e prolongaranse ata o venres 13 con visitas aos concellos de Burela, Oleiros, Cambre, Vigo, Redondela, Allariz, as deputacións de Lugo e A Coruña, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

A misión africana vai estar encabezada por Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e alcalde da Ribeira Grande, localidade da que maioritariamente procede a comunidade caboverdiana asentada na Mariña lucense. A misión complétase con Rosa Lopes, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo e única alcaldesa entre os 23 municipios de Cabo Verde, e Vlademiro Almeida, redactor do xornal ‘Expresso das Ilhas’.

A viaxe dará comezo o luns día 9 cunha visita institucional á Deputación de Lugo, para continuar en Burela co contacontos da Tropa de Trapo e, xa pola tarde, un encontro-coloquio coa comunidade caboverdiana. O martes 10, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, desenvolveranse na Deputación da Coruña as VIII Xornadas do Fondo Galego ‘Comunicación e cooperación internacional’, mentres que no serán se inaugurará en Oleiros a exposición fotográfica sobre Cabo Verde de Rober Amado, gañador do certame Imaxes con Fondo. O mércores 11 terá lugar un encontro co municipalismo galego na Fegamp, que dará paso a unha xuntanza na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Pola tarde haberá unha recepción no Concello de Cambre e visita ao patrimonio da vila.

A axenda continúa o xoves 12 no Concello de Vigo, que exerce a Vicepresidencia do Fondo Galego e que ten cofinanciado diversos proxectos no arquipélago atlántico, os dous últimos para mellorar a xestión de residuos en Porto Novo e dinamizar a agricultura en Santa Cruz. Tras a visita institucional haberá unha nova representación do conto ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, á que tamén asistirán escolares da cidade. Pola tarde organizarase un encontro da sociedade civil galega con Cabo Verde, ao que están convidadas todas as ONGD de Galicia e no que colabora o Consello Municipal de Cooperación. O percorrido pecharase o venres 13 cunha recepción no Concello de Redondela, que preside o Fondo Galego, e un encontro co tecido asociativo, mentres que pola tarde se realizarán as mesmas actividades en Allariz.

33 proxectos no arquipélago
O obxectivo da expedición é difundir en Galicia as iniciativas cofinanciadas en Cabo Verde polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, pero tamén sensibilizar á cidadanía e aos representantes políticos sobre as desigualdades entre os países do Norte e do Sur, nun exercicio de transparencia e intercambio.

O Fondo Galego iniciou a cooperación bilateral coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos no ano 2002 e desde entón ten impulsado 33 proxectos de cooperación internacional centrados en áreas como a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación, principalmente nas illas de Santiago, Santo Antão e Maio, mais tamén con presenza nas illas de Fogo, São Vicente e Brava. Promovéronse asemade once asistencias técnicas vinculadas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, un seminario sobre políticas de xénero, a realización de varios documentos audiovisuais e distintas misións político-institucionais tanto en Cabo Verde como en Galicia.