Rematan en Pontevedra e Compostela os obradoiros de radio e televisión do proxecto Escolas sen Racismo
As ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e Agareso promoven a educación para o desenvolvemento no CEIP de Ponte Sampaio e no IES Antonio Fraguas
28 de xaneiro de 2014.- Os obradoiros de radio e televisión para a educación en valores promovidos pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) rematan hoxe no CEIP de Ponte Sampaio (Pontevedra) e a vindeira semana no IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela). Estas actividades de educación e comunicación para o desenvolvemento encádrase no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativos, e faise pública nas xornadas previas ao Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
A derradeira sesión radiofónica no CEIP de Ponte Sampaio desenvolverase esta tarde de 16.30 a 18 horas. As e os participantes xa realizaron diversas prácticas sobre a temática do medio ambiente, que entronca cos Obxectivos do Milenio. O obradoiro de radio retomarase en febreiro no CEIP Anexo A Lomba (Vilagarcía de Arousa). Noutros centros da provincia estanse a desenvolver distintas accións do programa Escolas sen Racismo, coma xogos ou teatrofórum, entre eles o IES Torrente Ballester (Pontevedra), que recibiu o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento por este proxecto.
O programa Escolas sen Racismo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, abrangue neste curso oito centros educativos de toda a Comunidade nos que se traballa con diversas metodoloxías. No IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) impártese os mércores o obradoiro de televisión, de 17 a 18.30 horas. As e os estudantes están a preparar entrevistas e reportaxes, varias delas vinculadas á vida asociativa das Fontiñas, co fin de ofrecer unha panorámica inclusiva sobre a diversidade no barrio e no planeta.
En senllos obradoiros capacítase o alumnado no eido audiovisual, co obxectivo de gravar un programa final centrado na educación en valores, que logo se difundirá entre a comunidade educativa. As e os participantes interveñen na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social.
O estudantado aprende sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquire pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese así a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Os seus avances pódense seguir a nas canles de Agareso en Youtube e Ivoox.
+info: Carmen Novas Tel. 616 145 077 escolasenracismo@agareso.org www.agareso.org