Aida, Axuda, Intercambio e Desenvolvemento (AIDA) traballou coa organización local Céu e Terras, apoiando ao Ministerio de Saúde de Guinea Bissau na loita contra a SIDA, unha enfermidade que afecta a 22.000 persoas ás que o goberno non é capaz de atender, polo momento, por falta de capacidade técnica e económica. A través deste proxecto, financiado pola Cooperación Galega, conseguiuse dar asistencia e contribuír a previr e frear o contaxio.
En apenas quince meses facilitouse asistencia integral a case 4.000 persoas que viven co virus da SIDA, a través de consultas médicas especializadas (aproximadamente 17.000 a persoas seropositivas e os seus familiares), análises de laboratorio para diagnóstico e correcto tratamento (25.000 en total, cos que se identificaron ademais 700 novos casos que foron tratados), e subministración gratuíta dos antirretrovirais e medicamentos esenciais para o tratamento das enfermidades oportunistas asociadas á SIDA. Esta asistencia compleméntase con apoio psicolóxico, a máis de 1.000 pacientes, a través de activistas locais que acoden aos domicilios, e apoio nutricional aos pacientes en risco de malnutrición. Nestes casos, entregáronse 2.500 soportes nutricionais e forneceuse leite pediátrico a máis de 250 nenos fillos de mulleres seropositivas.
Un dos resultados máis importante do proxecto foi a implementación do protocolo de Prevención da Transmisión do VIH de Nais a Fillos a 1.000 mulleres embarazadas seropositivas. Grazas a esta intervención, a taxa de transmisión vertical do virus –de nais a fillos- reduciuse por baixo dun 2% nas mulleres ás que se deu seguimento dentro do programa, cando a taxa habitual en África supera o 30%.
Céu e Terras e AIDA
A asociación Céu e Terras desempeña desde hai anos un labor fundamental prestando asistencia a miles de enfermos, maioritariamente mulleres, e levando a cabo actividades de prevención. Para iso, asinou co Ministerio de Saúde un acordo de colaboración, para o desenvolvemento do Plan Nacional de Desenvolvemento Sanitario, e dentro deste a loita contra a sida e a prevención integral da transmisión vertical.
Vendo esta situación, a ONG AIDA, que leva implementando proxectos de desenvolvemento en Guinea Bissau desde 2005, tanto de maneira directa como a través de socios locais, decidiu colaborar con Céu e Terras e co goberno de Guinea Bissau. Este traballo puido continuar durante os últimos quince meses grazas ao apoio da Cooperación Galega.
Máis información en:
Paula Sánchez-Alciturri Díez
comunicacion@ong-aida.org
tel: 651758663