Otras noticias
26/02/2014
Outras novas

O colectivo Sarsur ofrece unha ollada ao Sáhara nun novo encontro dixital do Fondo Galego

O colectivo coruñés Sarsur ofrecerá un encontro dixital no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o próximo venres 28 de febreiro baixo o título ‘Unha ollada ao Sáhara’, co propósito de dar a coñecer as súas accións con mulleres de campamentos saharauís, así como outras iniciativas de sensibilización organizadas na cidade herculina en torno ao Sáhara.
A entrevista online será en directo e realizarase a través dos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da organización, de 12 a 14 horas. Durante a súa intervención, representantes do colectivo contestarán ás dúbidas que lle formulen as usuarias e usuarios, ben a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía de membros de Sarsur que se publicará xusto ao comezo do encontro, ou ben na conta de Twitter da entidade, co hahstag #EncontroSarsur.
As persoas que non poidan participar en directo no encontro poderán deixar as súas cuestións con carácter previo nos post relacionados publicados no Facebook, empregando o hahstag #EncontroSarsur no Twitter ou enviando as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.
A escolla da cuestión do Sáhara, a autodeterminación e os dereitos do pobo saharauí, así como o papel da muller árabe como ‘sustento’ da resistencia nos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental, para esta entrevista online, vén complementar ao tema da anticooperación abordado no encontro realizado o pasado 31 de xaneiro con David Llistar, autor do libro homónimo e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización. Ambas as dúas citas englóbanse no marco #Alén2015, unha serie de encontros dixitais con carácter mensual que promove o Fondo Galego como reflexión en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que conclúen en 2015.
Así mesmo, o conflito do Sáhara adquire especial relevancia nun momento no que se vén de aprobar a reforma da xustiza universal, que suporá o peche de múltiples causas abertas na Audiencia Nacional, entre elas, o xenocidio que sufriu este pobo, coa denuncia de 542 desaparicións de saharauís desde que España se retirou do territorio en 1975.
O colectivo Sarsur
Fundado en 2011 na cidade da Coruña, Sarsur (cascuda en árabe) é un colectivo multidisciplinar integrado por un grupo de persoas con distintos perfís profesionais, procedentes das artes escénicas, a educación, o traballo social, a cooperación internacional, a universidade, o xornalismo e a fotografía.
Naceu a través dun proxecto financiado a través do Fondo 0,7% da Universidade da Coruña (UDC) para apoiar a investigación no eido da cooperación para o desenvolvemento. A iniciativa levouse a cabo en campamentos de refuxiados saharauís, nos que se impartiron distintos obradoiros de expresión artística, a través do teatro de sombras e do movemento, dirixidos fundamentalmente a mulleres adolescentes e adultas.
Con carácter paralelo, o colectivo realiza na cidade da Coruña -de forma autoxestionada e independente- as xornadas anuais ‘Olladas ao Sáhara Occidental’, co fin de achegar a realidade saharauí á cidadanía galega. Nelas interveñen voces de diversos ámbitos, como escritores (Liman Boicha), promotores do proxecto Bubisher (Gonzalo Moure), xornalistas (Rebeca Mateos), mocidade activista saharauí e marroquí polos dereitos humanos (Aichatu Yahadih e Omnia Nur), ou amósanse os traballos de diversas organizacións, profesionais da fotografía (Fabiana Corrêa e Circoa) ou colectivos de activistas (Left Hand Rotation).
Na actualidade, forman parte do colectivo Ánxela Blanco, Claudia Delso, Carlos Diz, Fabiana Corrêa, Vanesa Rivas e Rebeca Mateos. Non dispoñen de web nin perfís sociais porque prefiren “primar a súas actividades e iniciativas por riba da promoción do propio colectivo”.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.