Otras noticias
03/03/2014
Outras novas

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese en seis concellos

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese en seis concellos
- Persoal das administracións socias revisa nestes encontros as actividades de sensibilización dispoñibles para 2014 e a andaina dos proxectos en países do Sur
- Santiago de Compostela, Oleiros, Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra acollen entre o 4 e o 12 de marzo as xuntanzas coa Secretaría Técnica da entidade

Os concellos de Santiago de Compostela, Oleiros, Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra acollerán entre o 4 e o 12 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. Os encontros reúnen ao persoal técnico das administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poderán implementar ao longo de 2014.
A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen administración locais e provinciais socias. Cada quen escolle a cal reunión acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos municipais. Todas as xuntanzas darán comezo ás 10.30 horas.
Nestes foros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego infórmalles sobre o estado da asociación, dos proxectos no exterior e das actividades dispoñibles. Neste senso, prestarase especial atención ao Plan 2014, que reedita fórmulas de éxito como o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Entre as novidades que se ofertan, destacan os obradoiros de fotografía ou os encontros dixitais #Alén2015.
Tamén se exporá a segunda fase da iniciativa Networking for Developement, onde o Fondo Galego participa como referente para promover as redes de cooperación descentralizada en Europa, e supervisaranse os proxectos de cooperación promovidos canda ONGD galegas en Mozambique, Cuba e El Salvador. Realízase así un exercicio de transparencia e rendición de contas, amais de facilitar un meirande aproveitamento das diversas posibilidades para introducir na vida local unha visión global universal do mundo en que vivimos.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

CALENDARIO DAS RMS
04/03/2014 Concello de Santiago de Compostela. Casa das asociacións, antiga estación de Cornes. Rúa Manuel Beiras (Conxo).
06/03/2014 Concello de Oleiros. Castelo de Santa Cruz.
11/03/2014 Concello de Ourense. Centro de iniciativas empresariais. Rúa Padre Feijoo.
11/03/2014 Concello de Vigo. Casa de Fernando Carreras, antigo Reitorado. Rúa Oporto nº1 - 2º (Areal, fronte a estación do tren Vigo-Guixar).
12/03/2014 Concello de Lugo. Centro social Uxío Novoneyra. Rúa Quiroga Ballesteros nº 1.
12/03/2014 Concello de Pontevedra. Casa azul (sala Valdecorvos, 2º andar). Rúa Sor Lucía.

ORDE DO D&ÍA DAS RMS
1. Exposición do estado dos proxectos de cooperación desenvolvidos desde o Fondo.
2. Presentación do estado do Plan 2014.
3. Presentación de Networking for Developement II.
4. Rogos, preguntas, suxestións.

ÁREA DE COMUNICACIÓN
Carmen Novas 616 145 077
comunicacion@fondogalego.org