O CEIP de Ponte Sampaio (Pontevedra) conmemorará mañá martes o Día Internacional da Nai Terra cun acto no que se socializarán os resultados do obradoiro de radio para a educación en valores impartido no marco do proxecto Escolas sen Racismo. A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) promoven esta iniciativa, que deu lugar á gravación dun programa ambiental. A presentación comezará ás 12.30 horas e incluirá a entrega de diplomas ao alumnado participante.
As e os trece estudantes que se inscribiron no obradoiro acordaron traballar sobre a sostibilidade do medio, tan importante na súa contorna. Deste xeito, saíron coas gravadoras á rúa para preguntar sobre o coidado da natureza, mantiveron un faladoiro con maiores da zona e entrevistaron a un voluntario de Amarante Setem arredor do comercio xusto. No evento que terá lugar mañá presentarán parte destes audios e realizarán as últimas gravacións para o espazo, cuxa temática central entronca co Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio número 7: garantir a sostibilidade do medio ambiente.
Con este acto clausúranse as actividades do obradoiro radiofónico que se levou a cabo no centro durante doce sesións, co apoio económico da Xunta de Galicia. Nas capacitacións formouse ao alumnado no eido audiovisual, con temas coma os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria. Ao tempo, proporcionáronselle pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. O obxectivo era empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social, contribuíndo á configuración dunha cidadanía con espírito crítico e construtivo.
+info:
Carmen Novas
Tel. 616 145 077
escolasenracismo@agareso.org
www.agareso.org