Otras noticias
05/05/2014
Outras novas

O Fondo Galego destina 100.000 euros a proxectos dos axentes galegos de cooperación no Sur

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará este ano un mínimo de 100.000 euros ao financiamento de proxectos de axentes de cooperación galegos en países do Sur. A asociación de concellos e deputacións vén de lanzar a convocatoria de subvencións, que permanecerá aberta ata o 30 de xuño.

Contribuír ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e sensibilizar a poboación sobre as desigualdades son os obxectivos desta convocatoria á que ONGD, sindicatos, universidades, etc. poderán presentar ata dous proxectos. No entanto, só se financiará un por cada entidade, ata o 80% do custo total e cun límite de 30.000 euros, quedando excluídas aquelas que recibiron achegas en 2013 e as que non teñan un mínimo de dous anos de experiencia no país e no sector de actuación.

Os proxectos executaranse en países cun índice de desenvolvemento humano (IDH) medio ou baixo, priorizando os menos adiantados (PMA). Terán preferencia ademais as intervencións en Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú -zonas tradicionalmente vinculadas á cooperación realizada polo Fondo Galego-, e mais nos países lusófonos. Tamén os países prioritarios segundo o III Plan Director da Cooperación Galega, incluído Haití e os territorios saharauís. As propostas deberán incluír unha actividade de sensibilización en Galicia.

Alén de incorporar enfoques transversais como a loita contra a pobreza, os Dereitos Humanos, a igualdade de xénero e a protección do medio ambiente, o ámbito de actuación deberá estar vinculado co eido local. Os parceiros en terreo han de responsabilizarse da execución, que contará coa participación das persoas beneficiarias. Ao tempo, as organizacións solicitantes teñen que contar cunha sede ou delegación permanente en Galicia desde hai dous anos e mais con base social e unha rede de voluntariado activa.

As bases da convocatoria presentáronse ante o Consello Municipalista da Cooperación, órgano consultivo do que están convidados a participar os axentes do sector, nunha xuntanza tras a que se incorporaron parte das alegacións realizadas pola Coordinadora Galega de ONGD. Unha comisión técnica constituída por persoal de diferentes deputacións e concellos encargarase de avaliar os proxectos presentados, aínda que será a Asemblea de socios do Fondo Galego quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. As bases e os formularios da convocatoria poden descargarse en www.fondogalego.org.