Noticias de Cooperación Gallega
29/08/2006
Xeral

A XUNTA DE GALICIA CONVOCA OITO BOLSAS DE FORMACIÓN DE EXPERTOS EN COOPERACIÓN INTERNACIONAL PARA O DESENVOLVEMENTO

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de oito bolsas de formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento. Esta oferta, á que se destinarán máis de 150.000 euros, duplica o número de bolseiros convocados o ano pasado.

Con esta medida preténdese apoiar a formación de expertos en cooperación internacional, complementando a formación académica dos titulados universitarios con estadías na Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia -en Santiago de Compostela- e nos proxectos que, co apoio do Goberno galego, se executen nos países prioritarios da cooperación galega, así como nas Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

A política de cooperación ao desenvolvemento está experimentando un importante crecemento en Galicia tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión xeográfica que abrangue. Esta situación fai necesaria a formación de recursos humanos para o desenvolvemento as actuacións neste eido, especialmente trala aprobación en 2003 da Lei de Cooperación ao Desenvolvemento, pola que Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral.

Así mesmo, o I Plan Director da Cooperación Galega para 2006-2009 aprobado o pasado mes de abril na Cámara autonómica destaca a necesidade de formar persoal especializado que contribúa ao fortalecemento do sistema galego de cooperación, establecendo un compromiso de incrementar as bolsas de cooperación internacional en países en vías de desenvolvemento.

RequisitosOs aspirantes a estas oito bolsas deberán reunir unha serie de requisitos. Entre outros, o bolseiro deberá ter nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, ser natural de Galicia ou ter a condición de residente ausente; non ter máis de 30 anos de idade, posuír un título universitario de grao medio ou superior, así como non ter transcorrido máis de catro anos dende a data da finalización dos estudos superiores.

Existen dúas modalidades de bolsa. Segundo o establecido, catro bolseiros permanecerán 12 meses no terreo, e recibirán unha contía de 18.000 euros cada un deles, mentres que os outros catro seleccionados repartirán o seu tempo entre a actuación no terreo (un semestre) e o seu traballo incorporados á Dirección Xeral de Cooperación Exterior, en Santiago de Compostela. Neste caso, a bolsa conta cunha dotación económica de 15.600 euros.