Otras noticias
31/03/2015
Outras novas

Xanela Aberta 2015. Renovando a mirada GLOCAL. O territorio como espazo educativo: rumbo a unha Pedagoxía da Terra na Galiza.

O territorio onde vivimos contén a nosa identidade e cultura, contén saberes e vivencias, a historia do que somos e as posibilidades do que queremos ser. É no lugar que vivimos onde creamos comunidade, onde xeramos coñecemento... É o lugar que agredimos, onde entramos en conflictividade... Máis é tamén onde nos desenvolvemos e nos interrelacionamos. Aprendemos, soñamos, creamos... En definitiva, onde nos educamos.

Todas e todos vivimos nalgún lugar que devén o noso espazo de socialización, educación e desenvolvemento. Como creamos comunidade nos lugares que vivimos e que posibilidades educativas nos ofrecen estos, será o interrogante de partida deste nova edición do Xanela Aberta; un programa educativo para ese outro mundo posíbel que este ano pretende ser espazo de encontro para a reflexión en torno á Educación e o Territorio, e de coñecemento de experiencias locais e globais ao redor da Pedagoxía da terra.

Tras unha década de colaboración co Movimento Sem Terra do Brasil que nos ten permitido aproximarnos o seu labor no eido educativo dende a perspectiva da Pedagoxía da terra, consideramos o Xanela aberta un espazo de oportunidade para discutir a relación que se establece na Galiza entre o ámbito educativo (formal e informal), a organización social para a creación de comunidade e o activismo social para a defensa do territorio.

A finalidade do programa é transitar entre a Educación e o Territorio, para comprender e repensar o lugar onde vivimos, cales son as problemáticas e cales as posibilidades educativas transformadoras que construímos ou podemos construír en comunidade. O Xanela aberta propón, para isto, que ollemos o Territorio coma un espazo educativo con infindas posibilidades, activo e dinámico. Que ollemos o territorio coma un espazo en construción a través da organización social, e valorar o poder dunha Pedagoxía ligada á terra para o desenvolvemento comunitario.

Neste proceso participativo,
- Contaremos coa colaboración de organizacións e movementos sociais da Galiza para a construción de coñecemento en torno aos seguintes eixos temáticos:

1. Organización social e territorio
2. Problemáticas territoriais na Galiza
3. Organización social e defensa do territorio
4. Pedagoxía e activismo social pola defensa do territorio

- Coñeceremos a experiencia socioeducativa do Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso (Lodoselo, Ourense) e do CPI de Virxe da Cela (Monfero, Coruña).

- Contaremos coa participación de persoas vinculadas a movementos e organizacións internacionais que aportarán coñecemento en torno á Pedagoxía da Terra noutros territorios e comunidades.

Finalmente, as persoas participantes en todas as xornadas terán a posibilidade de viaxar ao Brasil co Movimento Sem Terra para coñecer directamente o seu labor polo dereito á terra, onde a súa defensa e o seu coidado articúlanse no labor educativo que desenvolven a nivel institucional e comunitario.

 

PROGRAMA FORMATIVO

Xornada I:

25 de Abril. O territorio como espazo organizado dende diferentes dimensións e implicacións socioeconómicas. Problemáticas territorias e educación: cara unha pedagoxía da terra.

Xornada II:

9-10 de Maio. A comunidade e o feito educativo como un proxecto socio económico. Coñecemento, convivencia e reflexión no C.D.R O Viso, Lodoselo, Ourense.

Xornada III:

16 de Maio. Análise de experiencias educativas noutros países. Movementos pola defensa da terra.

Xornada IV:

6-7 de Xuño. A escola na Galiza como dinamizadora da comunidade e como elemento revalorizador do patrimonio natural e cultural da contorna na que se insire. A experiencia do CPI Virxe da Cela.

 

 

Para máis información:
Correo-e: educacion@amarantesetem.org
Tlf.: 986 848 159