Máis de 500 estudantes de 9 institutos galegos, participantes na segunda edición do proxecto ‘O mundo que queremos’, terán a oportunidade de compartir experiencias con tres persoas de República Dominicana, O Salvador e Guinea Bissau vinculadas á cooperación para o desenvolvemento. Durante dúas semanas, percorrerán os centros de ensino para explicarlle ao alumnado o traballo que están a realizar nas súas organizacións e como utilizan o teatro e a radio como medio de sensibilización e denuncia nas súas comunidades.
Cristiana Francisca, de República Dominicana, é a presidenta de Mudha (Movimiento de Mujeres Domínico Haitianas). Esta organización,entre outras moitas accións, utiliza o teatro de rúa como medio para denunciar as inxustizas políticas, sociais, culturais e humanas ás que se ve sometida a poboación dominicana de ascendencia haitiana.
Rina Abrego, do Salvador, é técnica de Aprocsal, organización que loita polos dereitos das mulleres e polo dereito humano á saúde. Dende Aprocsal tamén utilizan o teatro como medio para sensibilizar sobre xénero, saúde sexual e reprodutiva e medio ambiente.
Braima Sambu, de Guinea Bissau, é o responsable de proxectos de Alternag, organización que xestionou ‘Radio Catió’, unha emisora comunitaria que na actualidade é autoxestionada polo Centro Social Multifuncional Xuvenil de Tombalí en colaboración con organizacións de base. Braima encárgase de coordinar ás entidades locais que dirixen a radio.
Estas experiencias de participación cidadá e denuncia a través do teatro e a radio, así como a importancia de poder ter unha voz propia, serán a temática básica das charlas que impartan nos centros educativos de Boiro, Rianxo, Alfoz-Valadouro, Miño, Beade, Viana do Bolo, Castroverde e As Pontes.
Tamén se reunirán coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para explicarlles como inflúen nas súas comunidade os proxectos de cooperación e de asistir ao encontro intercentros que terá lugar o 17 de abril na Sala Capitol de Compostela. Este encontro será o broche final deste proxecto e estará cheo de reflexións do alumnado participante sobre o mundo que queren mellorar. Ademais, amosarán os traballos fotográficos e radiofónicos realizados durante o proxecto e gozarán dun concerto de rap a cargo de Pachamama Crew.
O proxecto
‘O mundo que queremos’ é un proxecto de educación para o desenvolvemento, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais a través da comunicación (podcast, imaxes e teatro) como medio para sensibilizar e transformar, e utilizando como fío temático os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Este proxecto está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs ‘100tolas’.
Axenda da visita
Mércores, 8 de abril
- IES Moncho Valcarce. As Pontes (9.20-11-20)
- CPI Castroverde. Castroverde(13.30-14-45)
Xoves, 9 de abril
- Encontro con DXREeUE (12.00)
- CPI Viaño Pequeno. Trazo (16.00-17.40)
Venres, 10 de abril
- CPI Castro Baxoi. Miño (9.45-11-45)
Luns, 13 de abril
- IES Carlos Casares. Viana do Bolo (11.10-12-50)
Martes, 14 de abril
- IES Beade. Vigo (10.20-12.00)
- Seminario Xornalismo Social e Cooperación Internacional. Santiago (17.00)
Mércores, 15 de abril
- IES A Cachada. Boiro (8.30-10.10)
- IES Félix Muriel. Rianxo (12.30-14.10)
Xoves, 16 de abril
- IES Alfoz-Valadouro. Alfoz (12.05-13.45)
Venres, 17 de abril
- Encontro final intercentros na sala Capitol. Santiago (10.30-13.00)
Para máis información:
María Caride (coordinadora do proxecto): 981 243 506 / 626 913 681
Montse Fdez.: 610 495 601
Correo electrónico: c.omundoquequeremos@gmail.com
Páxina web: http://omundoquequeremos.org/
Facebook: http://on.fb.me/19XMvcW
Twitter: https://twitter.com/omundoqqueremos
MUDHA: https://sites.google.com/site/mudhaweb/bienvenido
APROCSAL: http://aprocsal2011elsalvad.wix.com/aprocsal-el-salvador