Otras noticias
10/05/2016
Outras novas

Alumnado do IES Torrente Ballester presenta un audiovisual a prol do consumo responsable

O alumnado do obradoiro audiovisual para a formación en valores impartido durante seis semanas no IES Torrente Ballester presentou esta mañá a reportaxe resultante da actividade, coincidindo co comezo da Semana do Comercio Xusto. O vídeo, realizado por 16 estudantes de 3º e 4º da ESO, aborda a temática da moda ética e o consumo responsable, e encádrase no proxecto Escolas sen Racismo impulsado pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).
A orientadora do IES, Beniví Martínez, abriu o acto lembrando que o instituto se uniu no curso 2012/2013 a esta iniciativa, da que forman parte máis de 500 centros educativos de toda Europa e que mesmo lle valeu hai catro anos o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’. Formar cidadáns comprometidos coa sociedade e a súa mellora, construír un mundo máis solidario e favorecer a convivencia intercultural son algúns dos obxectivos da rede ‘Escolas sen racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento’.
Nesta liña sitúase o obradoiro de televisión, no que o alumnado se preparou para acabar gravando unha peza a prol do consumo responsable de roupa. As rapazas e rapaces saíron á rúa coas cámaras e os micros para preguntarlle á veciñanza sobre esta cuestión. Tamén entrevistaron a responsables da ONGD de comercio xusto Amarante Setem e da firma de moda ética La Canalla, para concienciar contra a explotación das traballadoras do téxtil.
Alén desta actividade de comunicación para o cambio social, que se pode seguir no blog www.agareso.org/esr, o IES Torrente Ballester está a acoller outras actividades no marco do mesmo proxecto de educación para o desenvolvemento, apoiado pola Xunta de Galicia. Tal é o caso da exposición ‘Mira Ti’, coa que se sensibiliza contra os prexuízos e a discriminación, ou o teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución ten que representar o alumnado. Tamén a iniciativa ‘De profesión cidadás e cidadáns’, coa que se traballou a igualdade entre homes e mulleres, e os obradoiros de prevención da violencia de xénero.

+info: Carmen Novas Tel. 616 145 077 escolasenracismo@agareso.org