Noticias de Cooperación Gallega
04/10/2006
Xeral

GALICIA COLABORARÁ NO DESENVOLVEMENTO RURAL DA PROVINCIA ECUATORIANA DE CHIMBORAZO

Galicia colaborará no desenvolvemento rural da provincia ecuatoriana de Chimborazo, mediante unha actuación conxunta do departamento de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). O Goberno galego autorizou, na súa xuntanza semanal de hoxe, a sinatura dun protocolo de colaboración para levar a cabo unha serie de actuacións coa finalidade de contribuír á mellora dos territorios das bacías dos ríos Chanchán e Chimbo, na provincia de Chimborazo, en Ecuador.

Segundo establece o texto do acordo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta achegará un total de 50.000 euros para financiar actividades de fortalecemento da organización destes territorios, así como a identificación de oportunidades e a consolidación do proceso de planificación estratéxica para o desenvolvemento rural destas áreas.

Deste xeito, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural encargarase da realización de actividades de fortalecemento da organización da Corporación para o Desenvolvemento dos territorios das bacías dos ríos Chanchán e Chimbo. A tarefa principal consistirá en prestar apoio e asistencia técnica para a consolidación desta corporación mediante a aprendizaxe da metodoloxía Leader e de acordo cos intereses e características desta zona concreta. A Corporación cumpre co papel principal de xestionar os recursos e ordenar a oferta e a demanda do investimento público e privado para mellorar as condicións de vida dos cidadáns da rexión.

AGADER tamén realizará tarefas de identificación de oportunidades de colaboración neste territorio, inventariando as iniciativas en marcha ou en proceso de definición inseridas no proceso de planificación estratéxica da Corporación. Procurarase crear unha interacción e unhas sinerxias cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación ao desenvolvemento.

Para estas dúas actividades, o Goberno galego achegará un total de 36.600 euros e contratará un técnico que se formará durante dous meses en Galicia e os outros 10 meses traballará nos territorios do Chanchán, en Ecuador.

Plan estratéxico de desenvolvemento rural En terceiro lugar, traballarase a prol da consolidación da estratexia que permita á Corporación elaborar un Plan Estratéxico, con base nas limitacións e oportunidades existentes na zona. O proceso de planificación, en liña co enfoque Leader, deberá facerse nun marco de participación de actores locais e tendo en conta as características ambientais, de seguranza xurídica e o perfil etno-cutlural do territorio.

Para a posta en marcha desta iniciativa, achegaranse un total de 13.400 euros, e  contrataranse tanto expertos en desenvolvemento rural como en cooperación internacional, que realizarán misións de 15 días de duración no terreo.