O GOBERNO GALEGO REFORZA O SEU COMPROMISO DE COOPERACIÓN PESQUEIRA COS PAÍSES CENTROAMERICANOS
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, reforza o compromiso que ten adquirido en materia de cooperación pesqueira cos países centroamericanos. Así o puxo de manifesto, un técnico da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, na inauguración do Curso de Comercialización Pesqueira Artesanal que se celebra dende hoxe ata o vindeiro día 10 na sede do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) en Vigo.
Este compromiso reflíctese, segundo afirmou Xosé Cuns, técnico da dirección xeral de Cooperación Exterior, nos orzamentos que o Goberno galego achega para a formación de pescadores centroamericanos, que este ano ascenden a 217.000 euros. Neste terreo, a Xunta de Galicia está a desenvolver cinco proxectos en materia de cooperación pesqueira en Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).
No acto de apertura do curso tamén participou o director do Centro Tecnolóxico do Mar, Manuel Varela, quen resaltou os bos resultados a nivel formativo que están a ter os seminarios organizados conxuntamente pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e o CETMAR.
Primeiro cursoEste seminario de comercialización pesqueira artesanal e primeira venda forma parte dun dos convenios que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior vén de firmar co CETMAR para formar en materia pesqueira tanto a funcionarios dos gobernos centroamericanos como representantes de distintas federacións de pescadores. Así no curso, que terá lugar ata o vindeiro día 10, están presentes representantes dos gobernos de Nicaragua, Honduras, El Salvador, Costa Rica, Guatemala, Nicaragua e Panamá, ademais de membros de confrarías que por vez primeira participan neste tipo de actividades.
O obxectivo deste seminario é que os participantes coñezan o proceso de comercialización no sector da pesca artesanal e os distintos xeitos de introducir os produtos pesqueiros no mercado, así como familiarizarse coas posibilidades de asociacionismo existentes que lles permita facer da pesca un factor de desenvolvemento das súas comunidades.
Proxecto Pesca CentroaméricaNa súa intervención o representante da Dirección Xeral de Cooperación Exterior referiuse ao “importante esforzo que xunto coa AECI e OSPESCA” está a realizar o Goberno galego para ordenar as intervencións que se están a realizar en materia de cooperación pesqueira en Centroamérica”. Mediante este proxecto conxunto, denominado Plan Rexional de Pesca Artesanal en Centroamérica “preténdese facer da pesca artesanal un elemento que incida no desenvolvemento sostible e no aumento da calidade de vida dos países centroamericanos”, explicou.
Para lograr isto, son varias as liñas nas que se está a traballar: desenvolvemento normativo e fortalecemento institucional; protección do medio ambiente; comercialización de produtos pesqueiros e formación e capacitación do sector a tódolos niveis considerados “fundamentais” para lograr que a pesca se transforme nunha actividade de calidade con capacidade de xerar recursos e mellorar a situación socioeconómica da poboación máis desfavorecida.
Fixo especial fincapé na necesidade de primar o eido da formación no que máis pode aportar Galicia dada a experiencia galega a través de séculos como país que vive por e para o mar.
Antigua Este Plan será presentado na cidade guatemalteca de Antigua conxuntamente cos ministros de pesca de tódolos países centroamericanos e co resto de institucións implicadas.