FABIOLA SOTELO AVOGA POLA INTEGRACIÓN DA MULLER NOS PROCESOS DE DESENVOLVEMENTO COMO "GARANTÍA DE COMPROMISO E ÉXITO"
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, avogou esta tarde pola integración efectiva da muller nos procesos de desenvolvemento como garantía “de compromiso e éxito a pesares de ter moitos lastres e condicionantes sociais”. Sotelo participou na apertura do seminario de “Integración do enfoque de xénero nos proxectos de cooperación” que organiza a Coordinadora Galega de ONGD.
Aludiu na súa intervención a que as mulleres non poden ser só beneficiarias das axudas senón que deben converterse en “líderes, xestoras e protagonistas” do proceso de mellora das condicións de vida de moitas comunidades. Remarcou tamén, o apoio que dende o seu departamento se está a brindar a proxectos nos que se traballe na formación e capacitación das mulleres co obxecto de “favorecer a súa capacidade de elección”
Tamén destacou a importancia e o papel clave das mulleres na “economía e na xestión dos recursos, na resolución de conflitos, na capacidade asociativa, na educación, na cultura e na saúde”. A directora xeral mostrouse convencida de que “ o desenvolvemento e o progreso ou se fan dende o recoñecemento e o liderado da muller ou non serán factibles”.
Maior presenza feminina tanto nas ONGD como no terreoNesta liña, advertiu que “as mulleres están a ter un papel moi destacado nas accións de solidariedade e cooperación internacional, tanto en Galicia onde o traballo efectivo das ONG´s é realizado por mulleres, como no terreo onde tamén a maior parte das cooperantes son mulleres”. “Esta maior presenza obriga a fomentar non só a participación e a dirección real das mulleres nas políticas que executa, senón tamén a promover a participación masculina no traballo diario de cooperación, e non exclusivamente no campo da xestión, onde segue a ser maioritaria a presenza de varóns”, propuxo.
Sotelo aludiu, na súa intervención, á necesidade de traballar nas áreas de educación, saúde, violencia, emprego e participación política dentro das políticas de cooperación internacional para mudar a situación na que se encontra a muller nos países subdesenvolvidos. Anunciou que o departamento que ela dirixe está a colaborar en varios proxectos que teñen como obxectivo principal mellorar a calidade de vida de moitas mulleres en varios países, entre eles Perú, Guatemala, República Dominicana ou India.
Integración do enfoque de xénero na cooperaciónAs xornadas de “Integración do enfoque de xénero nos proxectos de cooperación” está organizada pola Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior co fin de analizar como se está integrar este enfoque nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento. O seminario é impartido na súa totalidade por Irene López Méndez, investigadora do Instituto Universitario de Desenvolvemento e Cooperación da Universidade Complutense de Madrid e autora da Guía de Xénero para os proxectos da Cooperación Española.
Nesta primeira xornada analizarase o porqué de integrar o enfoque de xénero nos proxectos de cooperación e que requisitos debe cumprir un proxecto para que se considere que integra este enfoque. As xornadas continuarán mañá a partir das nove coa aplicación dos coñecementos adquiridos na primeira xornada a un caso práctico. Outro dos temas a tratar será a identificación das necesidades de xénero e as orientacións para integrar o enfoque de xénero no ciclo do proxecto. A ONGD Implicadas no Desenvolvemento pechará o seminario relatando a súa experiencia na posta en marcha de proxectos nos que se inclúe esta visión da cooperación.