Noticias de Cooperación Gallega
04/06/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PARTICIPA EN TRES PROXECTOS A PROL DA CONSERVACIÓN DO MEDIO AMBIENTE EN BOLIVIA,CUBA E REPÚBLICA DOMINICANA

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a participar en tres proxectos que teñen como obxectivo preservar o medio ambiente e favorecer a utilización das enerxías renovables en Cuba, Bolivia e República Dominicana. Estes proxectos inciden na preservación da biodiversidade, na promoción e na utilización das enerxías renovables  e na xestión de residuos de cara un desenvolvemento sostible.

Promoción das enerxías renovablesA Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a colaborar coa Confederación Intersindical Galega (CIG) nun proxecto que pretende promover a utilización das enerxías renovables en Cuba. Tras unha primeira fase na que se identificaron as necesidades a nivel enerxético da illa e se constatou as boas condicións naturais do país caribeño para facer uso das enerxías alternativas, estase a instalar un sistema de enerxía solar fotovoltaica na Central de Traballadores Cubanos (CTC)

Este edificio foi escollido para posibilitar unha demostración práctica da viabilidade e vantaxes da enerxía solar fotovoltaica. Para exemplarizar o uso, estase a actuar sobre ordenadores e servidores dende os que a CTC coordina a actividade que desenvolve en toda Cuba, e nos que se centraliza a totalidade dos ficheiros contables e administrativos. Deste xeito preténdese tamén incidir no tecido industrial cubano para que adopten solucións enérxeticas renovables nas súas instalacións.

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destina a este proxecto 149.900 euros a través da convocatoria de proxectos para outros axentes de cooperación, entre os que se encontran as universides, os sindicatos e as empresas.

Sensibilización da poboaciónOutro dos eixos do proxecto está a ser a realización de actividades  de promoción e divulgación das enerxías renovables dirixidas a Pequenas e Medianas Empresas (PEMES) e aos servizos públicos da Habana. Para isto estase a contar coa colaboración de institucións educativas como a Universidade da Habana, ademais dos medios de comunicación cubanos que están a divulgar as posibilidades e vantaxes do uso da enerxía solar.

Preservación do bosque seco chiquitanoDentro das accións conxuntas que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior realiza coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) atópase un proxecto orientado a preservar a biodiversidade do bosque seco da rexión boliviana da Chiquitanía, en concreto en San Ignacio, San Miguel e San Rafael de Velasco. O obxectivo do proxecto é, por un lado, garantir  a biodiversidade desta zona a través dun aproveitamento sostible dos recursos, e por outra, organizar actividades de reforestación comunitaria co apoio técnico e loxístico das Unidades Forestais Municipais.

Así mesmo estase a traballar para que o bosque sexa motor de desenvolvemento das poboacións locais mediante a implantación de viveiros, a formación da poboación desta zona, e a prestación de asesoría técnica para actividades de silvicultura.

Xestión de residuosA Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a colaborar coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) nun proxecto que ten como obxectivo mellorar a xestión e tratamento de residuos na República Dominicana, de cara a un desenvolvemento sostible do país. O programa estase a levar a cabo en dúas municipalidades, Santiago de los Caballeros e Puerto Plata, un centro turístico importante da República Dominicana pero que conta con graves deficiciencias en materia medioambiental.

Neste proxecto aplícase o Mecanismo de Desenvolvemento Limpo do Protocolo de Kyoto, que consiste na realización de proxectos en países de desenvolvemento que xeren un aforro de emisións contaminantes adicional ao que se produciría no suposto de ter empregado tecnoloxía convencional. Este aforro de emisións, unha vez certificado, poden ser comercializado e adquirido polas entidades públicas ou privadas dos países desenvolvidos ou das economías de transición, para o cumprimento dos compromisos de redución de dito protocolo.

Día mundial do medio ambienteO Día Mundial do Medio Ambiente é un dos principais vehículos que as Nacións Unidas utilizan para fomentar a sensibilización mundial sobre o medio ambiente e promover a atención e acción política ao respecto. Os obxectivos son darlle unha cara humana aos temas ambientais, motivar que as persoas se convertan en axentes activos de desenvolvemento sostible e equitativo, promovendo o fundamental papel das comunidades no cambio de actitude cara temas ambientais. Preténdese tamén fomentar a cooperación , o que garantirá que todas as nacións e persoas desfruten dun futuro máis próspero e seguro.

Este día foi establecido pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, co motivo da apertura da Conferencia de Estocolmo sobre Medio Ambiente Humano. Outra resolución, adoptada pola Asamblea Xeral o mesmo día, levou a creación do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA).