A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR AFIRMA QUE O 2007 “ESTÁ A SER UN ANO CLAVE PARA A CONSOLIDACIÓN DA NOVA COOPERACIÓN QUE ENTRE TODAS E TODOS ESTAMOS A CONSTRUÍR”
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, compareceu hoxe ante a Comisión Primeira do Parlamento para dar conta das actividades levadas a cabo polo seu departamento no ano 2006. Sotelo enumerou as iniciativas realizadas o pasado ano polo departamento que dirixe, enmarcadas na consecución dos obxectivos propostos no Plan Director da Cooperación para aos anos 2006 -2009, e en concreto, no Plan Anual para 2006.
A responsable das políticas de cooperación do Goberno galego manifestou que durante o pasado ano, a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, apoiou a realizaciónde 111 proxectos executados en 21 países. Estes proxectos, segundo explicou Sotelo, foron realizados tanto por ONGDs como por outros axentes de cooperación: empresas, sindicatos, universidades e comunidades galegas no exterior. A directora xeral aludiu ao crecente peso que o continente africano está acadando na cooperación galega, xa que “as axudas destinadas a África medraron case nove puntos porcentuais respecto ao ano anterior, estando enmarcado na firme aposta de achegarnos canto antes ao compromiso establecido no Plan Director de dedicar entre 0 10% e o 20% aos Países Menos Avanzados (PMA)”. América do Sur foi no 2006, segundo indicou Sotelo, a principal destinataria da axuda galega para o desenvolvemento cun 39,57% do orzamento, sendo Perú, Ecuador e Bolivia, os principais receptores da axuda oficial feita dende Galicia.
Saúde, educación e muller, principais obxectivosFabiola Sotelo resaltou que na distribución sectorial da axuda, a cobertura das necesidades sociais básicas, entre as que se encontran a saúde e a educación, ocupou en 2006 un lugar prioritario na política de cooperación feita dende o Goberno galego, resaltando o aumento no número de intervencións realizadas no sector de infraestrutura e promoción do tecido ecónomico.
A directora xeral resaltou que “as actividades de sensibilización ocuparon un lugar prioritario no 2006, guíadas pola necesidade de dar a coñecer as desigualdades do mundo, e acadar a interiorización da responsabilidade que como país desenvolvido temos sobre a situación dos pobos empobrecidos”. Asimesmo, incidiu nos esforzos realizados dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior no traballo a prol da eliminación das diferenzas entre homes e mulleres. “ Esta necesidade amósase imprescindible para conseguir un desenvolvemento máis xusto e eficiente, xa que a forza, a capacidade de loita, a responsabilidade e a ilusión por saír adiante, son valores dos que a cooperación non pode prescindir.”
A directora xeral referiuse tamén ao “esforzo realizado de cara o fomento do comercio xusto e o consumo responsable” para o que se iniciou a elaboración dun Plan de Implantación e comercialización, dirixido ao artellamento dun instrumento de reflexión estratéxica sobre a realidade e a oferta do comercio xusto en Galicia, así como de “reflexión estratéxica sobre os problemas aos que este sector se enfronta”.
Fortalecemento do sector da cooperaciónUn dos obxectivos prioritarios da Dirección Xeral de Cooperación Exterior no ano 2006 foi “fomentar o traballo conxunto, procurar sinerxías entre os diversos actores de cooperación e fortalecer o sector na súa totalidade” indicou Sotelo. Para isto, segundo explicou a directora xeral, levaronse a cabo varias iniciativas, entre elas, a colaboración con diversos departamentos da Xunta, a creación da comisión de asesoramento en materia de cooperación pesqueira ou as actividades realizadas co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL), para reforzar a cooperación municipal.
A iniciativa universitaria foi outro dos aspectos aos que se referiu Sotelo incidindo na “estreita relación coas tres universidades galegas” coas que está a colaborar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior tanto en materia de formación de expertos en cooperación como en proxectos que teñen como obxectivo a transferencia de tecnoloxía.
Destacou tamén o esforzo en materia de formación que está a levar a cabo a Dirección Xeral de Cooperación ao duplicar o número de bolsas de formación de expertos en cooperación internacional.
O 2007, un ano claveSotelo referiuse a importancia que supón o incremento orzamentario do 40% no sector da cooperación galega. “É un salto totalmente sen precedentes. Por iso este ano é un exercicio clave para a consolidación da nova cooperación que entre todas e todos estamos a construír.
Para 2007, son catro os obxectivos aos que se dirixirán as actuacións en materia de cooperación: a elaboración das estratexias para as prioridades da cooperación galega, a implicación e procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor, a ampliación e ordenación dos instrumentos da cooperación galega e a mellora da calidade técnica e operativa do sector. Respecto ao último dos obxectivos, Sotelo indicou que xa se están a desenvolver un plan anual de avaliaións externas e se incorporaron nas actuais convocatorias, os requisitos de seguimento e avaliación conforme aos criterios establecidos pola Unión Europea e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).