A XUNTA DE GALICIA COLABORARÁ CO INSTITUTO NICARAGÜENSE DA PESCA E ACUICULTURA
O consello da Xunta deu onte o seu visto e prace ao convenio de colaboración suscrito entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e o Instituto Nicaragüense da Pesca e Acuicultura (IMPESCA), co fin de levar a cabo un reforzo da estrutura produtiva pesqueira do país e favorecendo o seu desenvolvemento non dependente. Con este fin, o Goberno galego destinará 36.000 euros para potenciar os recursos humanos e materiais.
Con este investimento valoraranse os recursos pesqueiros da Illa de Ometepe e se impulsarán os procesos organizativos para a súa conservación e o aproveitamento sostible.
Desta actuación beneficiaranse 150 pescadores da illa que realizan tarefas de pesca artesanal, subsistencia, ou pesca comercial. Ligadas a este último labor están as 60 comerciais que tamén se apoiarán neste proxecto.
Esta illa, do departamento de Rivas, atópase no lago Nicaragua, e é a illa máis grande do mundo dentro dun lago de auga doce. A súa actividade pesqueira, desenvólvese dun xeito artesanal, con artes e equipos de pesca inadecuados para a captura do peixe.
Para acabar con esta situación impulsarase a elaboración dun código de conduta para os pescadores locais e levarase a cabo un asesoramento técnico a pescadores e comerciantes de produtos da pesca. Así, fortaleceranse os grupos locais existentes e aproveitaranse os actuais recursos.
Ademais, organizarase a compra de materiais para a realización de campañas de limpeza da costa e se realizará unha investigación sobre o estado dos recursos naturais nos ecosistemas costeiros e lacustres. Con estes resultados elaboraranse materiais divulgativos sobre os valores ambientais, culturais e sociais económicos da illa, e se procederá á súa divulgación.