Noticias de Cooperación Gallega
21/10/2007
Xeral

A XUNTA DE GALICIA PRESENTA AS ESTRATEXIAS DE COOPERACIÓN EN NOVE PAÍSES DE ÁFRICA E AMÉRICA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, salientou hoxe nas reunións dos órganos de asesoramento e coordinación da cooperación galega, a Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (CINCODE), o Consello Galego de Cooperación (CONGACODE) e a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE), a elaboración dos documentos estratéxicos de actuación en nove países de África e América, levada a cabo ó longo deste 2007, tal e como se establece no vixente Plan Anual.

Estes documentos, denominados Plans de Actuación por País (PAP), pretenden evitar a dispersión das accións da cooperación de xeito que sexan máis integrais e efectivas, optimizando recursos e aumentando o impacto. Estes PAP’s xorden da necesidade de implicar a todos aos axentes, tanto en terreo como en Galicia, nos traballos de planificación estratéxica.

Os nove países obxecto desta iniciativa son, en África: Mozambique, Mauritania e Territorios Saharahuís. En América: Perú, Bolivia, Nicaragua, Honduras, O Salvador e Guatemala.

Ademais, presentáronse as bases da Rede de Funcionarios Cooperantes Galegos, que permitirá que funcionarias e funcionarios da administración galega teñan mais oportunidades de participar en iniciativas de cooperación ao desenvolvemento. Cumprindo así outra das liñas do Plan Anual 2007.

Os Órganos de Coordinación e Asesoramento da CooperaciónA Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE) está integrada por representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia, sendo o órgano técnico de coordinación entre os departamentos que levan a cabo actuacións neste ámbito.

A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) ten como función coordinar as accións entre as Administracións locais e provinciais e a Xunta de Galicia. Está formado por representantes dos departamentos de Administración Local, Facenda, Pesca e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, así como por membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Por outra banda, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación. Conta con representación das ONGDS radicadas en Galicia, das Universidades Galegas, Organizacións sindicais, Comunidades Galegas no Exterior, Confederación de Empresarios de Galicia, Fundación de Caixas de Aforros, membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL), expertos independentes, ademais de representantes da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar Social, das consellerías de Presidencia, Economía e Facenda, Educación e Ordenación Universitaria, Sanidade, Pesca e da secretaría xeral de Emigración.