Noticias de Cooperación Gallega
24/10/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PARTICIPA NAS I XORNADAS DE COOPERACIÓN SINDICAL

A subdirectora da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, inaugurou esta mañá as I Xornadas de Cooperación Sindical en Galicia, organizadas por UGT e polo Instituto Sindical de Cooperación al Desarrollo (ISCOD), coa colaboración do departamento da Xunta de Galicia.

Román eloxiou as tarefas desenvolvidas dende ISCOD durante dezasete anos, con actividades baseadas na liberdade, na igualdade e na solidariedade, e traballando pola promoción do emprego con dereitos.

A subdirectora fixo fincapé en que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior dispón dos mecanismo reguladores das axudas destinadas “ao apoio das iniciativas dos diferentes axentes da cooperación entre os que os sindicatos teñen o seu propio espazo”.

Este tipo de actividades están recollidas dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, xa que este contempla como un dos seus obxectivos específicos, a participación social e a sensibilización social ao desenvolvemento; e que coincide coas liñas estratéxicas de ISCOD.

No acto presentouse o proxecto de apoio a pequenos produtores afectados por fenómenos naturais para a recuperación da súa capacidade produtiva, financiado pola Xunta de Galicia.