Noticias de Cooperación Gallega
25/10/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN PARTICIPA NO ENCONTRO DA COOPERACIÓN ESPAÑOLA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, participou no Encontro da Cooperación Española para o Desenvolvemento que se celebrou en Madrid, e que contou coa presenta do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, que inaugurou o acto.

Sotelo formou tamén parte dunha das mesas redondas do Encontro chamada “La Cooperación Española orientada al desarrolo humano”, onde recordou a importancia de xerar capacidades para acadar “os cambios estruturais que as sociedades dos países do sur precisan”. A directora xeral compartiu mesa entre outras persoas con Hannah Forster, directora do Centro Africano para la Democracia y los Derechos Humanos, Roberto Bissio, Secretario de Social Watch; e Pablo Martínez Oses, coordinador da plataforma “2015 Y MÁS”.

Na mesa de apertura do Encontro participaron Leire Pajín, secretaria de estado de Cooperación Internacional; Sucy Castor, directora do Centro de Investigación e Formación Social para o Desenvolvemento; e Somaly Mam, presidenta de Acting for Women in distressing situations e Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional 1998.

Encontro de Coordinadores das Oficinas TécnicasFabiola Sotelo participou tamén no Encontro de Coordinadores das Oficinas Técnicas das embaixadas de España no Exterior, que se reúne unha vez ao ano e que trata temas de complementariedade e coordinación en cooperación das diferentes administracións.

Este acto reúne tanto aos departamentos autonómicos como aos Fondos locais de cooperación, e nesta ocasión estivo presidido por Juan Pablo de la Iglesia, Secretario General de la AECI.

Sotelo quixo agradecer a colaboración do persoal en terreo, e salientou a recente presentación dos Plans de Actuación por País para os que “se tiveron en conta as estratexias da cooperación española e doutras comunidades”. A directora xeral fixo fincapé na importancia que para este traballo ten o coñecemento das contrapartes institucionais  e da sociedade civil dos países beneficiarios”.