Noticias de Cooperación Gallega
29/10/2007
Xeral

A XUNTA APOSTA POLO PERSOAL TÉCNICO ESPECIALIZADO PARA PODER COLABORAR EN PROCESOS DE COOPERACIÓN

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, salientou hoxe na rolda de prensa ofrecida polo xurado do “Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana” que na nova etapa que está a vivir a cooperación galega, o seu departamento “aposta polo factor humano e polo persoal técnico especializado para poder colaborar en proxectos nos países máis empobrecidos”.

Sotelo, quixo tamén felicitar a Axencia Española de Cooperación (AECI) e o Consorcio de Santiago por traballar na rehabilitación dos cascos históricos das cidades máis emblemáticas de latinoamérica, e asegurou que sen este tipo de actuacións “non habería hoxe en día un tan grande patrimonio cultural”.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo quixo mostrar o seu orgullo polos lazos de cooperación establecidos coa AECI e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e engadiu que estas actividades deben ser o inicio dun camiño de intensificación da cooperación entre as cidades galegas e os países máis desfaborecidos.