POSTA EN MARCHA DA EXPOSICIÓN ITINERANTE DE COOPERACIÓN GALEGA
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior porá en marcha este sábado en Coruña unha exposición itinerante que percorrerá diferentes cidades galegas co fin de explicar á poboación como, por que e onde traballa na Cooperación para o Desenvolvemento a Xunta de Galicia.
O obxectivo desta campaña é sensibilizar a toda a cidadanía galega sobre a importancia da misión da cooperación, e informar sobre a existencia dun departamento na Xunta de Galicia que xestiona os recursos dedicados a tal fin. Para iso se materializou esta idea, na que se leva traballando varios meses, e coa que se quere transmitir o sentido de xustiza e responsabilidade cos pobos menos desenvolvidos.
Esta ambiciosa campaña de sensibilización nace como resposta á necesidade de que a sociedade galega se convenza de que a súa é a primeira xeración que conta cos recursos necesarios para acabar coa pobreza e as desigualdades no mundo.
A exposición porase en marcha este sábado 17 de novembro, e permanecerá tres días en cada unha das cidades, ata o luns 17 de decembro, cando se clausurará en Vigo. O seu punto máis álxido terá lugar o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, en torno o cal se concibiu esta campaña de sensibilización. O 10 de decembro está considerado como un referente para a cooperación, sobre todo dende que no ano 1986 o Desenvolvemento se recoñeceu como Dereito Fundamental. A Xunta quere recordar a todas as galegas e galegos o seu compromiso de traballar para que todos os pobos recoñezan e loiten por eses dereitos: pola igualdade, a liberdade, ou o acceso universal á educación e á sanidade.
Así, farase especial fincapé no Dereito ao Desenvolvemento dos pobos. Por este obxectivo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior traballa dende a súa creación en 2005, mediante a posta en marcha de proxectos integrais nos que coopera tanto directamente cos gobernos locais receptores, e a poboación beneficiaria, coma de xeito conxunto coas organizacións do sector. Desta forma, favorécese a continuidade e sostibilidade da cooperación.
O espazo de Cooperación Galega estará formado por catro jaimas, situadas en lugares emblemáticos das diferentes cidades durante cinco fins de semana, para facilitar que a poboación participe desta iniciativa e que, grazas ás reportaxes gráficas, se achegue dun xeito visual aos proxectos nos que a Dirección Xeral traballa dende hai dous anos e medio.
A continuación se inclúe un calendario cos días e lugares nos que estará aberta ao público a exposición:
CIDADE: A Coruña
Datas: Do 17 ao 19 de novembro
Lugar: Xardíns Méndez Núñez
CIDADE: Ferrol
Datas: Do 24 ao 26 de novembro
Lugar: Praza da Constitución
CIDADE: Lugo
Datas: Do 1 ao 3 de decembro
Lugar: Praza Nova do Seminario
CIDADE: Santiago
Datas: Do 8 ao 10 de decembro
Lugar: Praza da Quintana
CIDADE: Vigo
Datas: Do 15 ao 17 de decembro
Lugar: Praza do Rei
Con esta iniciativa, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior achégase á cidadanía galega para explicar os principios do I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, e cales son os criterios xerais de desenvolvemento que marcan o carácter das actuacións que se levan a cabo e que se aplican en coherencia cos obxectivos do milenio da Organización de Nacións Unidas.